Data:
Consellería de Facenda e Administración Pública
ORDE do 1 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, para a anualidade 2026, unha liña de préstamos sen xuros a favor dos concellos de Galicia para financiar a achega municipal correspondente aos plans de actuación integrados financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027 (código de procedemento FA501A).
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para a anualidade 2026, unha liña de préstamos sen xuros destinada a financiar, total ou parcialmente, a achega municipal correspondente aos plans de actuación integrados financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027, así como aprobar o procedemento para a súa tramitación (código de procedemento FA501A).
2. A liña de préstamos configúrase como un instrumento de colaboración financeira interadministrativa de natureza reembolsable, dirixido a facilitar a execución efectiva dos citados plans mediante a cobertura das necesidades de financiamento asociadas ao cofinanciamento municipal exixible.
3. Esta orde determina, así mesmo, as entidades destinatarias, as actuacións financiables, os requisitos, as condicións financeiras, o procedemento de concesión, a formalización, as obrigas, o réxime de xustificación, o control, o reintegro, as garantías e as causas de vencemento anticipado das operacións.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios da liña de préstamos regulada nesta orde os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:
a) Ter unha poboación inferior a 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais de poboación vixentes na data de publicación da convocatoria.
Así mesmo, poderán ser beneficiarios os concellos cunha poboación comprendida entre 20.000 e 30.000 habitantes no suposto de que se abra o segundo prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 12 desta orde, condicionado á existencia de crédito dispoñible unha vez tramitadas as solicitudes presentadas polos concellos de poboación inferior a 20.000 habitantes e formalizadas as correspondentes operacións de préstamo.
b) Formar parte dunha área urbana funcional ou ter resultado seleccionados como cidade intermedia na resolución definitiva de asignación da senda financeira Feder para a execución de plans de actuación integrados ditada polo órgano estatal competente.
No caso das áreas urbanas funcionais, terán a condición de beneficiarios os concellos integrantes da devandita área cuxa poboación sexa inferior a 20.000 habitantes, respecto da achega municipal que lles corresponda asumir, con independencia da entidade local que actuase como solicitante ou coordinadora do plan de actuación integrado.
No caso das cidades intermedias, terá a condición de beneficiario o concello seleccionado como tal na resolución estatal de asignación da senda financeira Feder.
c) Ter que asumir unha achega municipal propia ou un cofinanciamento non cuberto polo financiamento Feder para a execución das actuacións.
d) Cumprir, na data da solicitude, os requisitos exixidos pola normativa aplicable para a concertación válida da operación de préstamo.
2. A condición de beneficiario requirirá que o concello asuma expresamente, mediante acordo do órgano competente, todas as obrigas derivadas desta orde, da resolución de concesión e do convenio.
3. Non poderán obter a condición de beneficiario os concellos nos cales concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Que non poidan concertar validamente a operación por incumprimento da normativa aplicable sobre endebedamento, estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.
b) Que non acepten expresamente o sistema de garantías e retencións previsto nesta orde.
c) Que incumprisen de forma grave as obrigas derivadas de anteriores instrumentos de financiamento reembolsable outorgados pola Comunidade Autónoma, sempre que o devandito incumprimento non fose regularizado antes da finalización do prazo de solicitude.
Actuacións financiables
1. Serán financiables con cargo á presente liña as achegas municipais exixidas para a execución das actuacións incluídas en plans de actuación integrados financiados con cargo ao Feder no período de programación 2021-2027.
2. Para os efectos desta orde, entenderase por achega municipal financiable a parte do custo público do plan, ou das operacións integradas nel, que deba ser asumida polo concello e que resulte necesaria para a correcta execución das actuacións seleccionadas.
3. O financiamento poderá referirse:
a) Á totalidade da achega municipal correspondente ao plan.
b) A unha parte determinada da devandita achega.
Crédito orzamentario
1. Para o financiamento desta convocatoria destínase un crédito por importe total de 20.370.709,33 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 23.01.811C.82160 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:
| Aplicación orzamentaria | 2026 | 2027 | 2028 | 2029 | 2030 | Total |
| 23. 01. 811C. 82160 | 4.074.141,87 | 4.074.141,87 | 4.074.141,87 | 4.074.141,87 | 4.074.141,85 | 20.370.709,33 |
A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá, de ser o caso, a tramitación do correspondente expediente de reaxuste de anualidades.
Importe do préstamo
1. O importe do préstamo poderá alcanzar ata o cen por cento da achega municipal correspondente ao plan ou á parte deste para a que se solicite o financiamento.
2. En ningún caso o importe concedido poderá superar:
a) A achega municipal efectivamente exixible.
b) O importe solicitado pola entidade local.
c) A dispoñibilidade orzamentaria existente.
3. A resolución de concesión poderá fixar un importe inferior ao solicitado en caso de insuficiencia de crédito dispoñible.
Condicións financeiras
1. Os préstamos previstos nesta orde terán, con carácter xeral, as seguintes condicións:
a) Tipo de xuro ordinario: 0 por cento.
b) A amortización do principal disposto realizarase en tres anualidades iguais, con vencemento o 30 de novembro dos exercicios 2031, 2032 e 2033.
2. As entidades beneficiarias poderán realizar a amortización anticipada total ou parcial sen penalización, logo de comunicación ao órgano xestor coa antelación mínima que estableza o convenio.
3. En caso de incumprimento dos vencementos, serán exixibles as cantidades vencidas e non satisfeitas, e poderá acudirse aos mecanismos de compensación e retención previstos nesta orde, sen prexuízo da aplicación, cando proceda, dos xuros de demora ou das recargas legalmente exixibles.
Réxime de concesión
1. A concesión dos préstamos realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.
2. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada no rexistro electrónico unha vez completas, ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nesta orde e na convocatoria.
3. Para estes efectos, unha solicitude entenderase completa cando se presentase o formulario normalizado e toda a documentación exixida, ou cando a entidade interesada atendese integramente o requirimento de emenda dentro do prazo concedido.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, seralle requirida a súa emenda mediante a presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Prazo de presentación de solicitudes
1. Establécese un primeiro prazo de presentación de solicitudes, dirixido aos concellos de poboación inferior a 20.000 habitantes previstos no artigo 4, de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. No suposto de que, unha vez tramitadas as solicitudes presentadas no primeiro prazo e formalizados os correspondentes convenios, exista crédito dispoñible, poderá abrirse un segundo prazo de presentación de solicitudes dirixido aos concellos de poboación comprendida entre 20.000 e 30.000 habitantes previstos no artigo 4.
3. A apertura do segundo prazo acordarase mediante unha resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, na cal se indicarán o importe do crédito dispoñible e o prazo de presentación de solicitudes.
4. En todo caso, o prazo finalizará no momento do esgotamento do crédito orzamentario que, de se producir, será publicado no DOG mediante resolución.
Máis Información
-Na Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública.






Sede Electrónica