Inaugurada a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 coa presenza da Fegamp

Data: 

mércores, 30 Maio, 2018 (Todo o día)
Reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021

O vicepresidente executivo da Fegamp e alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, acudiu o 30 de maio o acto de inauguración da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no que se trataron as liñas estratéxicas do Plan Xacobeo 2021 que serán aprobadas despois do verán.

O obxectivo de dito plan é abordar as ambicións coas que Galicia afronta este novo ano santo, e modificar en sentido positivo a proxección da imaxe e da presenza de Galicia no mundo. Feijóo sinalou que o propósito desta meta require da implicación de toda  Galicia, “dunha achega adicional de ilusión, de xenerosidade e de responsabilidade de todas as administracións públicas, pero sobre todo do pobo galego, que acolle todos os peregrinos e visitantes”. Tamén achegou que a participación dos diferentes departamentos da Xunta, así como a de outros organismos como a Delegación do Goberno, a Catedral de Santiago, o Concello de Santiago de Compostela ou a  Fegamp, son necesarias para canalizar as achegas de todos os municipios polos que pasa a ruta xacobea.

A transformación da capital galega verase plasmada en actuacións como a creación do Centro Internacional de Acollida do Peregrino; a rehabilitación integral da Catedral, coa presentación antes do 25 de xullo da rehabilitacións do Pórtico da Gloria;  a posta a punto do Monte do Gozo; a adecuación das entradas na cidade do Camiño Francés e do Camiño Inglés; a celebración do festival O Son do Camiño e a creación do Centro europeo de investigación en paisaxes culturais, que axudará a coñecer mellor a ruta xacobea.

O último Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago, elaborado pola Universidade de Santiago, reflexa que o 98,6% dos peregrinos recomenda facer o Camiño, e catro de cada cinco afirman que regresarán como turistas a Galicia, un síntoma de que vamos en boa dirección.

 

Fotografía: Xunta de Galicia