Data:
Presentouse á veciñanza de Xermade a iniciativa englobada no proxecto CEL RURAL promovido en Galicia pola FEGAMP
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2024.- Máis de cincuenta veciños e veciñas de Xermade participaron onte no Parque Experimental de Sotavento no evento de presentación do piloto da Comunidade Enerxética Rural (CER) que se vai levar a cabo en Xermade, nunha acción do proxecto CEL RURAL promovida pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
O evento estivo dinamizado polo Centro Tecnolóxico ITG, líder do proxecto CEL RURAL, e tivo como obxectivo principal informar e difundir entre a veciñanza as accións e vantaxes de formar parte dunha comunidade enerxética rural. Co esta presentación se buscaba fomentar a participación activa da veciñanza interesada, para seguir avanzando na constitución da Comunidade Enerxética de Xermade e definir tecnicamente as instalacións de xeración
Durante o evento, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer en detalle o funcionamento da CER e como van poder implicarse no proceso. Falouse do impacto positivo que esta comunidade pode ter non só no ámbito económico, senón tamén na calidade de vida e no medio ambiente, dende a promoción da sustentabilidade e ofrecendo beneficios significativos en termos de redución de custos enerxéticos.
Para a FEGAMP “a gran participación cidadá amosa o interese da veciñanza de Xermade nesta iniciativa” que desenvolve o proxecto Interreg POCTEP - CEL RURAL que é “unha oportunidade para achegar investimentos ao concellos rurais que contribúan de xeito efectivo á consolidación da figura das comunidades enerxéticas como ferramentas de cohesión territorial e de dinamización socioeconómica”.
O alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, sinalou durante o acto “este evento foi unha invitación aberta á veciñanza, empresas e outras entidades interesadas en explorar novas formas de xestión enerxética, máis sostibles e comunitarias nas que o noso concello leva tempo implicado”.
A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participa no proxecto CEL Rural, de fomento da implantación de comunidades enerxéticas locais en contorna rural co obxectivo de adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético na contorna rural do territorio transfronteirizo de España-Portugal.
O proxecto CEL Rural é un proxecto de Cooperación España - Portugal cofinanciado polo programa europeo POCTEP e liderado pola Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), no que participan socios de ambos os países co obxectivo de fomentar a implantación de enerxías renovables a nivel rural para reforzar o desenvolvemento dun sistema enerxético sustentable e de proximidade en rexións transfronteirizas do espazo POCTEP, mediante a adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético compartido no ámbito das comunidades enerxéticas locais en contornas rurais. Para alcanzar este obxectivo, se desenvolverán actuacións piloto, como a de Xermade, demostradores a escala, e tecnoloxía para este tipo de sistemas disruptivos para o ámbito rural cuxas vantaxes son múltiples a nivel de sustentabilidade, cohesión social e beneficios económicos.
O proxecto conta cun orzamento total de 1.533.000 euros e finalizará a súa actividade en xuño de 2026, recibindo unha cofinanciación do 75% por parte do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España - Portugal, POCTEP, do que a FEGAMP xestiona 199.886,23 euros.