Data:
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten o pracer de convidarlles ao Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento, un espazo de encontro a celebrar os días 12 e 13 de novembro na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, no que participarán representantes municipais e rexionais de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Mozambique, Cabo Verde e São Tomé e Príncipe xunto con concellos e deputacións galegas.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co apoio da dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU.
O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía supón un novo espazo para repensar a importancia do traballo que se fai a nivel municipal para garantir o benestar da poboación e promover o desenvolvemento sostible, e como este se pode compartir con outros municipios para xerar sinerxías e establecer lazos de cooperación entre os mesmos.
Así mesmo, na xornada da tarde do día 13, o Fondo Galego fará a proposta para impulsar a Rede de autoridades locais da lusofonía polos ODS. Unha rede única e orixinal que tratará de posicionar a Galicia como o punto de encontro da cooperación municipalista entre os países de lingua oficial portuguesa.
Dada a relevancia do evento, ao que asistirán representantes do municipalismo da meirande parte dos países de lingua oficial portuguesa, é importante garantir ampla presenza do municipalismo galego, para tender pontes de unión solidarias e de cooperación cos países do Sur.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo comunicacion@fondogalego.org ou acorzo@igadi.org ata o 11 de novembro, indicando se a participación e para os dous días ou para un deles.
A continuación pode descargar o programa.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
Programa do foro da cooperación municipalista | 6.33 MB |