Data:

A Federación Galega de Municipios e Provincias considera imprescindible e urxente mellorar a coordinación entre as administracións, inxectar fondos extraordinarios aos concellos e avanzar no pacto local para comezar a reordenar as competencias.
O presidente da Federación, Alberto Varela, trasladou suxestións en torno a catro liñas de acción: coordinación, financiamento, modernización e avance.
No primeiro punto solicitou a creación dunha comisión permanente de seguimento para artellar as medidas precisas nos distintos eidos e aglutinar a outros axentes socias e institucións. Tamén sinalou fundamental o compartimento da información, ata o momento, limitada para os concellos. A mellora nestes aspectos e na coordinación en xeral solicítase como imprescindible, urxente e factible, xa que é un método de gañar eficacia que non require medios extraordinarios nin coñecemento sobre a COVID.
Varela trasladou a situación dos concellos “sometidos a un gran estrés non só organizativo senón tamén económico” por mor da pandemia “que non saben canto tempo podererán soportar”. As administracións locais están a asumir funcións sobrevindas polo coronavirus como limpezas e desinfeccións extraordinarias, control das medidas sanitarias ou a maior demanda de axudas e prestacións sociais, sen recibir nin un só euro por parte do Goberno autonómico nin do Estado, porén que ditas administracións si tiveron inxeccións económicas.
O presidente da Fegamp requiriu a creación urxente dun fondo extraordinario para aliviar a realidade dos concellos que “teñen máis gastos, sen recibir axudas e ingresando menos”. Tamén instou avanzar no cumprimento do pacto local para minorar os sobrecustos das competencias impropias que están a asumir.
Segundo a proposta da Federación Galega de Municipios e provincias ditas medidas serían un paliativo a curto prazo para a situación de emerxencia actual, se ben é preciso abordar a reforma do sistema de financiamento e da reasignación de competencias.
Os concellos requiren tamén reformas legais “que contemplen os novos e futuros escenarios, lles dean amparo normativo nas actuacións e lles permitan adaptarse como administración ás novas circunstancias de cara a gañar eficiencia e interacción coa cidadanía”. Sen ir máis lonxe, a Lei de Administración Local leva 23 anos sen tocarse. A Fegamp considera necesaria unha modernización do sistema, “tanto de fondo como de forma”, para por fin “ao actual rudimento tecnolóxico e organizativo”.
Alberto Varela compartiu coa cámara a experiencia dos concellos, administración en contacto directo coa cidadanía, e o seu coñecemento respecto a cales, cantas e onde están as necesidades máis urxentes. Xa con vistas a máis longo prazo a proposta das entidades locais leva medidas relacionadas coa conectividade, o transporte ou a habitabilidade, facendo énfase nunha estratexia de produtividade galega multisectorial con ampliación a novos tecidos xeradores de riqueza. Tamén recalcan a necesidade de intensificar o enfoque rural e o de igualdade no deseño e desenvolvemento das futuras políticas.
O presidente da Fegamp puxo a disposición da cámara tanto os medios coma os técnicos da Federación, así como o Plan Multifocal que recolle estas e outras medidas con detalle, entregado no mes de xuño á Xunta de Galicia.