A FEGAMP vai analizar a realidade da contratación pública da xestión dos residuos municipais

Data: 

xoves, 19 Setembro, 2024 (Todo o día)

Será na xornada “Contratación pública estratéxica de xestión de residuos municipais: recomendacións e boas prácticas”, promovida no marco do Fogalec

A xornada será inaugurada pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, declinou a invitación por motivos de axenda

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024.- AFederación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) vai celebrar a xornada “Contratación pública estratéxica de xestión de residuos municipais: recomendacións e boas prácticas” os próximos luns 23 e martes 24 de setembro no salón de actos do CERSIA, en Santiago de Compostela.

A xornada ten por obxectivo analizar a realidade da contratación pública da xestión dos residuos municipais, concretamente os contratos de recollida e transporte de residuos e os de tratamento, e está especialmente dirixida a responsables políticos e técnicos de concellos e a xerentes e técnicos de empresas de xestión de residuos municipais. A data de hoxe confirmaron a súa asistencia máis de 160 participantes a través da web da FEGAMP.

Durante a xornada analizaranse os elementos e riscos xurídicos a ter en conta nos procesos de preparación contractual para levar a cabo unha xestión estratéxica destes contratos, de acordo cos obxectivos da política comunitaria de economía circular e a Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, e a súa normativa de desenvolvemento vixente e en proceso de aprobación (envases e residuos de envases, pilas e acumuladores, aparellos eléctricos e electrónicos, desperdicio alimentario, téxtil, mobles e enseres, etcétera).

A xornada será inaugurada o luns 23 ás 9:00 horas pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela. Estaba prevista a intervención da conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, pero declinou a invitación por motivos de axenda.

Durante as sesións presentaranse boas prácticas e recomendacións que contribúan á preparación axeitada destes contratos por parte das entidades locais, contando coa intervencións de persoas expertas como Juan José Pernas, profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de A Coruña e coordinador das xornadas.

Tamén intervirán Josep María Tost, ex-director da Agencia de Residuos de Cataluña; Alexandra Lirón, xefa de Área da Subdirección de Estudios e Informes do Departamento de Promoción da Competencia da CNMC; Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia; Tomás Otero , presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia; Carlos Amoedo, coordinador da Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña; Elena Barba, da Xunta Consultiva de Contratación Pública da Xunta de Galicia, entre outras destacadas intervencións que se desenvolverán ao longo do luns 23 e da mañá do martes 24.

A xornada se enmarca dentro das iniciativas do Foro Galego Local de Economía Circular (FOGALEC), que vense desenvolvendo dende 2022 pola FEGAMP en colaboración co Foro de Intercambio de Coñecemento sobre Residuos e Economía Circular (Firec) da Universidade da Coruña, e que pretende xerar un marco metodolóxico de colaboración entre as entidades locais, para crear e divulgar coñecemento xurídico aplicado ao ámbito local, e contribuír así ao desenvolvemento de capacidades e medidas eficaces destinadas á consecución dos obxectivos públicos locais en materia de residuos e xestión eficiente dos recursos.