Data:
A Federación de Municipios e Provincias require á Xunta de Galicia solicita á Xunta de Galicia que determine inmediatamente os servizos mínimos de SAF durante a folga indefinida que previsiblemente comezará o vindeiro 2 de novembro.
Tanto o artigo 59 da Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia, como o artigo 11 da Lei de dependencia 39/2006, recollen que a planificación desta prestación é competencia do Goberno autonómico. Por outra banda, en tanto que se trata dunha convocatoria de folga a nivel autonómico, o artigo 3 do Decreto 155/1998 que regula a prestación de servizos esenciais na Comunidade faculta á Consellería competente do ramo para que determine o mínimo de actividade necesaria.
Ante a preocupación e argumentos legais que están a trasladar os concellos á Fegamp e a proximidade dos posibles paros nun servizo esencial que atende a máis de 24.000 usuarios e usuarias de gran vulnerabilidade, o presidente Alberto Varela considera arriscado demorar o procedemento á espera dun marco legal que permita á Xunta delegar esta función nos concellos.
A Federación lembra tamén que os servizos esenciais deben ser garantidos á cidadanía en igualdade de condicións independentemente do lugar de residencia, que os responsables do financiamento do SAF segundo a Lei son a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado e non os concellos e que a Federación leva tempo a advertir das posibles consecuencias de non emprender as accións necesarias para dar estabilidade ao sistema.
Por todo isto urxe á Xunta de Galicia ao establecemento dos servizos mínimos para que os concellos poidan proceder á súa organización e á convocatoria da Comisión de seguimento do SAF, na que as tres Administracións e axentes do sector acorden a reforma precisa que apuntale esta atención domiciliaria.