A Fegamp urxe ao Goberno respecto aos plans de transformación dixital

Data: 

mércores, 2 Xuño, 2021 (Todo o día)

A Fegamp pediu ao Goberno do Estado celeridade na implementación dos plans de transformación dixital.

No seo dun encontro co Secretario do Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Roberto Sánchez organizado pola Delegación do Goberno en Galicia, a vicepresidenta executiva da Federación, María Barral, trasladou a angustia dos alcaldes e alcaldesas  durante o confinamento por proporcionar algún tipo de conexión aos veciños e veciñas para poder traballar ou estudar dende os seus fogares.

Barral subliñou a preocupación pola “brecha social” que a falla ou deficiencia nas telecomunicacións está a xerar, xa que na sociedade dos nosos días este servizo deixou de ser unha opción para converterse nun ben de primeira necesidade.

No último informe de cobertura de banda ancha en España (https://avancedigital.mineco.gob.es/banda-ancha/cobertura/Documents/Cobe...) Galicia figura no último posto en varios sistemas e velocidades de transmisión. En concreto, no subministro de 100 Mb, Galicia ocupa o último lugar 15 puntos por debaixo da media.

A vicepresidenta executiva da Fegamp recoñeceu as dificultades da nosa idiosincrasia e agradeceu o compromiso do Goberno por resolver as carencias o coa maior axilidade posible.