Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou a inquedanza dos concellos ante o retroceso na contención da pandemia xusto cando se autoriza organizar verbenas e outros eventos populares e cando se retoma a actividade do ocio nocturno.
Nunha reunión coa Xunta de Galicia e Delegación do Goberno celebrada esta mañá, o presidente da Fegamp, Alberto Varela requiriu “reforzos para uns corpos de policía local que levan meses facendo un esforzo inxente, con cada vez máis medidas de desescalada e por tanto máis circunstancias a controlar; dende praias, hostalaría, chamadas de denuncia por festas privadas ou aglomeracións de xente”. Varela requiriu máis coordinación e “moitas máis reunións, especialmente antes de decidir novas medidas de desescalada que poidan derivar en concentracións de xente ou situacións que propicien que o virus se espalle”.
Os concellos de incidencia baixa inclúen dende onte discotecas, pubs e outros establecementos de ocio nocturno nos seus plans de control. A reanudación desta actividade coincide coa autorización para organizar festas, verbenas e outros eventos populares en localidades con incidencia acumuladas a 7 e 14 días de menos de 75 e 150 casos por 100.000 habitantes. As entidades locais convidan á cidadanía a desfrutar de forma responsable e contribuír á recuperación dun dos sectores máis castigados pola crise sanitaria, pero respectando en todo momento as medidas de prevención e sendo o máis prudentes posible.
Neste contexto, a Fegamp reforza as labores de información e monitorización da desescalada e proporcionará apoio aos concellos con material divulgativo para a poboación coas medidas de seguridade nos distintos eidos.