A Fegamp subliña a necesidade de prudencia e coordinación na axuda Ucranía

Data: 

luns, 14 Marzo, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias insiste na necesidade de prudencia e coordinación por parte de todas as persoas, entidades e administracións, na xestión da axuda a Ucranía.

O presidente da Federación, Alberto Varela, recibiu do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a última información respecto ao mecanismo de axuda logo da Conferencia de presidentes celebrada onte. Trala reunión co Delegado, a Federación remitiu ás entidades locais a guía proporcionada polo Goberno con indicacións tanto para administracións, como organizacións e cidadanía. Dito documento inclúe pautas de actuación para a chegada de refuxiados e refuxiadas ucraínos, elaboración de rexistros, canles de coordinación e enderezos ou modos de contacto ante dúbidas. 

Alberto Varela comentou a José Miñones as circunstancias coas que están a topar os concellos nas últimas semanas ante a gran cantidade de iniciativas privadas de axuda así como situacións ante a chegada de refuxiados á nosa terra, e subliñou a necesidade de prudencia e coordinación de todos e todas porque “neste intre hai moitos actores tratando de botar unha man e por iso é moi importante que a canle de información sexa único. Os concellos que somos a porta de entrada dos cidadáns agora estamos sendo a porta agora de moitos refuxiados que estamos detectando porque de repente chegan a pedir información, por iso é moi importante que todas as persoas o poñan en coñecemento das administracións, para que o canle sexa única e que estas persoas teñan a máxima garantía de servizos”.

Varela puxo a disposición do Goberno as máis de 1000 prazas de acollida recadadas entre os  concellos galegos resaltando “que non vai ser cousa dun mes ou dos meses e que aquelas vivendas ofrecidas probablemente se precisen durante moi tempo”. Varela sinalou a complexidade da acollida; “ucraínos e ucraínas terán todas as garantías: acceso aos servizos sociais, sanidade, educación, prestacións económicas e para ser eficaces a resposta ten que ser moi coordinada.”