A Fegamp sinala a necesidade dunha mesa de traballo para ver como organizar a xornada de voto no caso de que se convoquen eleccións

Data: 

sábado, 16 Maio, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias levou ao CECOP que en caso de convocarse eleccións debería crearse unha mesa de traballo que elabore instrucións claras e completas cara á celebración. Dada a importante función dos concellos na xornada de voto, de celebrarse, as entidades locais consideran necesario sentarse coa administración autonómica para avaliar xuntamente as necesidades xeradas pola COVID-19 en materia de seguridade sanitaria, así como tódalas casuísticas que cumpriría ter en conta.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, sinalaba algunhas das dúbidas trasladas por alcaldes alcaldesas como “persoas maiores á hora de ir votar, aquelas persoas con patoloxías previas que lles toque estar nunha mesa electoral, que distancia física van ter que gardar, se imos ter que controlar os aforos, son moitas cousas que temos que avaliar e ante a posible, remarco, posible convocatoria, temos que sentarnos canto antes porque a loxística é moi difícil de preparar nestas circunstancias excepcionais”.

Os concellos tamén queren que se aclare quen faríase cargo dos sobrecustos; “por poñer un exemplo, se vai ser necesario gardar unha distancia física entre os membros das mesas necesitaremos mesas novas, se é necesario material sanitario, controlar o aforo dos colexios electorais... quen vai sufragar ese gastos e que teñamos protocolos clarísimos”.

O presidente da Fegamp tamén trasladou a necesidade de implementar medidas de conciliación para os pais con fillos e fillas de cero a tres anos; “os pais e nais van irse incorporando pouco a pouco ao traballo e necesitan saber se van abrir as escolas infantís, os campamentos de verán... e con instrucións moi claras porque aos nenos de cero a tres anos é moi difícil pedirlles que garden a distancia física”.

Así mesmo, a Federación pediu un protocolo a seguir coas persoas sen fogar. Durante o confinamento os concellos habilitaron máis espazos para aloxalas e cómpre saber como proceder nas seguintes fases. A Federación considera que hai que topar unha solución definitiva para este colectivo especialmente vulnerable e impedir que as súas circunstancias de vida os aboquen de novo ás rúas.