Data:

Preto de trinta concellos participaron no encontro informativo sobre o proxecto CELRURAL celebrado hoxe
A recente experiencia de Xermade é “un éxito dun modelo enerxético más sostible, xusto, democrático e participativo”
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de celebrar na súa sede o encontro informativo da segunda convocatoria de financiamento para comunidades enerxéticas rurais dentro do proxecto CELRURAL.
Dende a FEGAMP se está a informar aos concellos da convocatoria do ano 2025 e do novo proceso de selección e avaliación dun concello de Galicia que recibirá un apoio económico destinado ao impulso dunha comunidade enerxética local.
Na convocatoria do 2024, o concello de Xermade foi seleccionado entre 32 candidaturas presentadas, obtendo unha subvención de 50.000 euros para compra das instalacións fotovoltaicas, despois da constitución formal como asociación da comunidade enerxética, con uns 40 asociados, entre eles o propio concello de Xermade e a FEGAMP en calidade de socios institucionais.
A instalación fotovoltaica foi financiada polo proxecto a través da FEGAMP e cedeuse por 25 anos á propia comunidade enerxética creada. Conta con 80 módulos fotovoltaicos para unha potencia pico de 40 kW, e está previsto que a instalación produza uns 68 MWh o ano.
A experiencia de Xermade exemplifica como se pode aproveitar o uso de fontes de enerxía renovables de forma eficiente e colaborativa, compartindo enerxía entre os puntos de xeración e os consumidores locais, contribuíndo así á sustentabilidade enerxética e o desenvolvemento local.
Participaron no encontro os alcaldes e alcaldesas de Xermade, Moeche, Dodro, Avión e Val do Dubra, ademais de concelleiros, concelleiras e persoal técnico doutra vintena de concellos e de dous GDR.
O encontro comezou coa intervención da secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán, na que destacou o éxito da posta en marcha do comunidade enerxética rural en Xermade, como resultado deste proxecto CELRURAL, o que supón un modelo enerxético “máis sostible, xusto, democrático e participativo que pon ás persoas no centro da toma das decisións”.
Vilán sinalou que “desde a FEGAMP cremos que as comunidades enerxéticas locais son unha ferramenta fundamental para avanzar cara á transición enerxética limpa”, polo que “imos contribuír a incrementar a conexión entre as entidades locais e a veciñanza para desenvolver accións de transición enerxética limpa, ao tempo que damos apoio ás entidades rurais do noso territorio”.
A secretaria xeral salientou o traballo de FEGAMP na promoción das comunidades enerxéticas “como motor para o desenvolvemento do noso rural, evitando o despoboamento e xerando emprego de calidade, como amosa a experiencia de Xermade”.
De seguido interviñeron o alcalde de Xermade, Roberto García, e o asesor técnico do proxecto, Fernando Pereira, que presentaron a experiencia do concello de Xermade, seleccionado como proxecto piloto na convocatoria de 2024, dende o impacto local da iniciativa e dos aspectos técnicos e estratéxicos da implantación da comunidade enerxética.
O alcalde de Xermade, fixo fincapé nas “posibilidades do rural galego no desenvolvemento das comunidades enerxéticas en proveito dos propios concellos, polo aforro que supoñen e por que aliñan aos concellos coas iniciativas do desenvolvemento sostible”.
Despois abordouse polo miúdo a nova convocatoria de financiamento para o ano 2025, sendo Pablo Álvarez, do Centro Tecnolóxico ITG, entidade que tamén participa no proxecto, quen explicou as condicións, os requisitos e as oportunidades que ofrece esta nova convocatoria para os concellos interesados en desenvolver comunidades enerxéticas rurais. Nesta parte tamén interveu Cristina Varela, secretaria-interventora do concello de Xermade, que achegou o enfoque sobre a xestión administrativa e financeira destas iniciativas dende a recente experiencia en Xermade.
Despois destas intervencións, o encontro rematou cun espazo de preguntas para resolver dúbidas sobre a convocatoria e os proxectos.