A Fegamp rexeita a responsabilidade que a Xunta bota sobre os concellos en materia sanitaria

Data: 

luns, 6 Xullo, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias apoia aos concellos da Mariña Lucense e rexeita a responsabilidade en materia sanitaria que a Xunta de Galicia bota sobre os municipios illados polo brote do coronavirus. O D.O.G. do 5 de xullo coas medidas restritivas para esa zona sinala aos alcaldes e alcaldesas como “autoridade sanitaria” a cargo da “vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención” recollidas na orde.

Nunha carta remitida polo presidente da Fegamp, Alberto Varela lembra que segundo a Lei reguladora das Bases de Réxime Local, é á Dirección Xeral de Saúde a que corresponde “a xestión e control de abrochos epidémicos, alertas e crises sanitarias, mediante a coordinación e  o seguimento do Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia” (Artigo 12.2.1.b) así como “a planificación, programación e coordinación da execución das actividades de prevención e control das enfermidades transmisibles e a difusión da información relacionada con elas” (Art.12.22.a).

Os concellos comparten a inquedanza por evitar a transmisión da enfermidade e ofrecen a súa máxima colaboración, pero remarcan as limitacións -ou inexistencia nalgúns casos- de recursos humanos e materiais para levar a cabo as funcións que pretenden adxudicarlles. A modo de exemplo, o sesenta por cen (60%) dos municipios galegos non teñen policía local, outro significativo número teñen menos de cinco efectivos e as taxas de reposición impiden unha proporción de policías adecuada en practicamente tódolos concellos.

Ao longo desta crise sanitaria, as entidades locais veñen asumindo funcións engadidas e incluso impropias, sen dispor de medios extraordinarios para o seu desenrolo. A administración local seguirá a traballar co goberno autonómico na medida das súas posibilidades en todos os eidos nos que sexa requirida. Porén, lembra que a responsabilidade en materia sanitaria corresponde á Xunta de Galicia, polo que solicita medios e plans concretos de actuación, así como unha maior coordinación e participación na toma de decisións, de xeito que a protección da saúde sexa por igual para todos os galegos e galegas independentemente da facenda local de cada concello.