Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias renova o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a atención sanitaria de trastornos en Unidades Municipais de Atención a Drogodependencias (UMADs) á espera de que o traspaso ao Sergas comece de inmediato.
Durante a sinatura o presidente da Fegamp, Alberto Varela, apremou a avanzar no proceso de integración polo que “esperamos que este convenio sexa dos últimos que teñamos que asinar porque de longo vimos reclamando que é un servizo sanitario e que ten que asumirse integramente polo SERGAS”.
Dende que en 2010 comezara a colaboración das Administracións locais e autonómica para a creación de UMADs, abríronse centros de atención en 13 concellos (Pontevedra, Vilagarcía, Ourense, Cangas, Vigo, Ribeira, Carballo , Monforte, Noia, Burela, Santiago, Porriño e O Grove) que prestan este servizo social con carácter supramunicipal, “ algo que lastra os orzamentos dos concellos, podo dar o exemplo de Vilagarcía que da servizo a unha decena de concellos e Santiago a máis de corenta. Supón un esforzo moi grande para as arcas municipais”.
O presidente advertiu da problemática para cubrir as vacantes por xubilacións e que “o servizo cada vez se está resentindo máis, non temos médicos e está sendo un servizo collido con alfinetes, así que ten que traspasarse definitivamente”.
A Federación solicitou unha folla de ruta detallada con prazos, obxectivos, cronograma e data límite e recomenda que os técnicos das Unidades formen parte da Comisión Mixta acordada coa Consellería para levar a cabo a integración.
En canto á futura localización das unidades, os concellos ofrecen a posibilidade de seguir a empregar as súas instalacións en tanto non se atopen alternativas, se ben instan á Consellería a facerse cargo dos custos que xera.