A FEGAMP require igualdade de dereitos para os nenos das garderías municipais

Data: 

luns, 3 Febreiro, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou á Xunta de Galicia varias peticións relacionadas coas axudas á escolarización de nenos de 0-3 anos.

A Lei 7/2019 aprobada o pasado 23 de decembro prevé a gratuidade das garderías autonómicas para o segundo fillo na etapa de 0-3 anos. No caso das garderías locais prevé compensar economicamente aos concellos que ofrezan dita bonificación, fixando as contías segundo as tarifas aplicadas nas garderías autonómicas. A medida entrará en vigor o vindeiro 1 de abril.

A Federación Galega de Municipios e Provincias teme que esta disposición dea lugar a desigualdades entre municipios con garderías autonómicas e municipios con garderías do concello, podendo darse esta disparidade de dereitos ata entre veciños dunha mesma localidade con centros de ambos tipos. En base a iso, a FEGAMP trasladou á Xunta as seguintes peticións:

• Que a gratuidade para os segundos fillos e seguintes sexa financiada pola Xunta de Galicia para todas as escolas 0-3 municipais e nas mesmas condicións.
• Que todo o proceso se faga simultaneamente, é dicir, que se aplique a medida en todo tipo de escolas 0-3 ao mesmo tempo.
• Que se consensúen os prezos de compensación por canto hai escolas municipais que prestan máis servizos que os catalogados pola Xunta de Galicia.

A FEGAMP confía en que a Xunta, como responsable do sistema educativo en Galicia, terá en conta ditas peticións e ponse á súa disposición para consensuar a mellor implantación posible desta medida, así como para coordinar a colaboración xeral dos concellos coa administración autonómica.