A Fegamp renovará os órganos directivos a finais de novembro

Data: 

mércores, 23 Outubro, 2019 - 10:30

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- A piques de rematar o mandato 2015-2019, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, puxo data á renovación dos órganos directivos da entidade coa convocatoria da X Asemblea Xeral baixo o lema O Valor do Poder Local. O presidente, realizando unha valoración desta etapa ao fronte da Fegamp, sinalou a “capacidade para chegar a acordos por consenso” da Fegamp como un dos piares básicos do seu mandato a través do cal se acadaron fitos relevantes para o municipalismo.

En canto ao lema O Valor do Poder Local, Alfredo García quixo matizar a importancia do  significado que desde a entidade se lle da: “o lema ten un triplo significado xa que se refire tanto ao valor económico que aportamos os representantes locais, como ao valor que teñen os/as alcaldes/alcaldesas ao enfrontar os retos municipais que temos por diante, así como ao valor de estar na política municipal xa que é á primeira porta á que chama a veciñanza e que está sempre aberta”, explicaba o presidente.

Xunto aos vicepresidentes da entidade, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o presidente da Fegamp, explicou a orde do día prevista para a Asemblea e fixo un breve resumo dos tres relatorios: o primeiro exporá cuestións sobre financiamento local, competencias e servizos; o segundo versará sobre organización e autonomía administrativa e territorial; e un terceiro exporá os retos da transformación dixital no poder local. Os tres relatorios, que xa están en fase de revisión por parte dos concellos, conteñen máis de 100 resolucións que serán debatidas, para ser ratificadas ou non pola Asemblea, xa que serán as liñas a seguir no futuro pola Federación.