Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias renova o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a atención sanitaria de trastornos en Unidades Municipais de Atención a Drogodependencias (UMADs).
En 2021 Sanidade aportará aos concellos preto de 4.000.000 de euros para esta asistencia de gran interese público, social, económico e humanitario, así como con unha gran especificidade técnica.
Dende que comezara esta colaboración en 2010 creáronse unidades en 13 concellos (Pontevedra, Vilagarcía, Ourense, Cangas, Vigo, Ribeira, Carballo , Monforte, Noia, Burela, Santiago, Porriño e O Grove) que prestan este servizo social con carácter supramunicipal.
Tras a sinatura do convenio, o presidente da Fegamp, Alberto Varela analizou xunto co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a situación das UMADs. O aumento de demanda ao longo destes anos fai que, con variacións en función da carga e características asistenciais de cada unidade, os concellos veñen a sufragar de media un 30% do custo.
Acordouse que cara á colaboración do ano que vén se creará unha comisión conxunta para mellorar o soporte organizativo e financeiro aos concellos con UMADs. O obxectivo é aliviar a carga que supón para os concellos esta competencia allea en materia sanitaria en tanto se artella o complexo proceso de integración de ditas unidades no SERGAS.