A Fegamp reclamará á Xunta máis coordinación coas entidades locais e cofinanciación para enfrontar esta nova fase da pandemia

Data: 

venres, 4 Setembro, 2020 (Todo o día)

 

A Federación Galega de Municipios e Provincias instará á Xunta de Galicia a abordar de forma conxunta unha estratexia a longo prazo fronte á COVID19, así como as consecuencias da pandemia en todos os eidos socioeconómicos.

Con ese obxectivo, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, mantivo unha reunión cos alcaldes e alcaldesas das sete grandes cidades de Galicia e os representantes das catro deputacións.

Tras recadar as súas propostas e necesidades específicas, Varela trasladará ao novo executivo a situación do conxunto do municipalismo, e reiterará a absoluta necesidade de traballar coas entidades locais “para negociar aquelas decisións que van a recaer sobre os concellos” en tanto son os que poñen práctica as medidas e coñecen de primeira man as dificultades ou necesidades que poidan xurdir. Neste sentido, solicitará á Xunta unha coordinación máis estreita, con reunións nas que estean presentes as sete grandes cidades e as deputacións provinciais e comisións ou mesas de traballo específicas como a solicitada para reconstrución económica. 

Todos os asistentes coincidiron na necesidade de que a Xunta transfira fondos aos concellos para que poidan asumir os custos extraordinarios das labores que están a realizar.

O comezo escolar foi un asunto recorrente entre os alcaldes e alcaldesas, aos que preocupa de xeito especial a situación dos comedores e os problemas para gardar as distancias de seguridade sobre todo nas entradas e saídas ás clases. En canto ás desinfeccións dos centros, os representantes das grandes cidades mostraron a súa disposición para levalas a cabo, se ben consideran que á Xunta deberá aportar os fondos necesarios por tratarse dunha competencia da administración autonómica.

A Fegamp tamén pedirá á Xunta que sistematice a información epidemiolóxica aos municipios, xa que neste intre a dispoñibilidade de datos é desigual e algúns concellos refiren carecer de dita información de xeito adecuado ou suficiente para facer unha mellor xestión ante a pandemia.