A Fegamp reclama á Xunta e ao Goberno do Estado que se impliquen na organización do autocaravanismo

Data: 

martes, 22 Marzo, 2022 - 10:00

A Federación Galega de Municipios e Provincias advirte que o crecemento do autocaravanismo require a intervención das tres administracións sen demora.  A inquedanza dos concellos levou á Fegamp a organizar unha xornada coa participación de representantes do Goberno do Estado, Xunta de Galicia e empresarios e turistas o sector. O obxectivo, sinalou o presidente Alberto Varela, “evitar que algo tan positivo como o turismo, fonte de benestar para as persoas e de riqueza económica, derive en problemas”.

A eclosión do turismo de caravana non afecta a todos os concellos ao igual. Se ben a Fegamp elaborou un modelo de ordenanza para axudar ás entidades locais a dotarse e ofrecer seguridade xurídica, como sinalou a vicepresidenta da Federación, Maria Barral, “a magnitude deste turismo supera a nosas posibilidades e competencias” e a iso cómpre sumar, como confirmou o propio sector, “que require recursos públicos e estes están a ser os dos concellos.”

Durante o encontro celebrado en Betanzos, a xefa provincial da DGT, María Victoria Gómez, anunciou que se está a modificar a instrución 08/V-74 que afecta ao estacionamento das autocaravanas, porén non puido precisar as liñas de cambio nin os prazos que se barallan para a súa aplicación.

Os alcaldes coincidiron cos profesionais e practicantes do caravanismo, na falla de normativa, na ambigüedade da existente e na falla de infraestruturas. A Fegamp insta á Xunta, institución coas competencias de turismo na nosa Comunidade Autónoma, a colaborar na integración desta realidade para brindar aos que queiran visitarnos deste xeito a oportunidade de facelo nas mellores condicións e a aproveitar a xeración de riqueza que leva.

Fronte aos argumentos de que os concellos son os responsables deste encaixe, a Fegamp pide ás outras administracións que non se poñan de perfil e adiantou que seguirá a traballar na liña de sentar a todas as partes, acadar a súa implicación e acadar  para todos o máximo beneficio. Non entanto, nunha actividade difícil de cuantificar pola falla de rexistros, os datos de matriculacións apuntan que o crecemento continúa (cun aumento en 2021 do 5’5%) e que este turismo veu para quedar.