
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, reuniuse hoxe cunha vintena de rexedores e edís dos concellos que contan con Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), para abordar o borrador do novo convenio trienal. O actual marco regulador destas patrullas de servizo caduca o vindeiro 31 de decembro.
O presidente da Fegamp recolleu a principal demanda dos alcaldes á Xunta para o novo regulamento: os rexedores ven necesaria unha cláusula que garanta que os GES van seguir adscritos ao servizo. Os concellos consideran que é o único xeito de evitar a incerteza laboral, tanto para os propios traballadores, como para as administracións locais como contratantes.
Na xuntanza na Fegamp tamén se expuxeron algúns axustes no financiamento das partidas do novo convenio. O sentir xeneralizado dos alcaldes é que o servizo dos GES continúe, sempre que garanta certa flexibilidade para que as previsións económicas de partida non se vexan alteradas. Alfredo García informou aos rexedores das negociacións realizadas neste eido coa Consellería de Medio Rural e con Vicepresidencia, co compromiso verbal do Secretario Xeral de Montes de abordar os cambios na busca dunha solución única para todos os GES.
En Galicia, hai un total de 24 Grupos de Emerxencia Supramunicipais que dan servizo e atención ás súas áreas territoriais. O presidente da Fegamp destacou que ao longo do mandato da nova executiva os alcaldes e alcaldesas serán convocados sempre “para abordar todos os asuntos que afecten directamente aos seus concellos, co obxectivo de que a Fegamp non tome unilateralmente as decisións, sen contar coas súas consideracións”.
Primeiro paso para a cesión á Xunta de 29 centros de saúde financiados polos concellos
O presidente da Fegamp xunto cos vicepresidentes da entidade, iniciaron as conversas co conselleiro de Sanidade para que a Xunta se encargue do mantemento de 29 centros de saúde, actualmente financiados polos concellos. En próximas datas, equipos técnicos da Federación Galega de Municipios e Provincias volveranse reunir con técnicos de Sanidade para abordar esta transferencia comprometida no Pacto Local.
Tamén en materia sanitaria, está previsto que o próximo Consello da Xunta aprobe o novo convenio do Programa de Atención á Drogodependencia, cunha contía próxima aos 4 millóns de euros . A día de hoxe hai en Galicia un total de 13 Unidades Municipais de Atención aos Drogodependentes, que dan servizo con carácter supramunicipal. A Fegamp abordou coa Consellería de Sanidade a apertura dun espazo de diálogo para que o SERGAS asuma o financiamento das UMADs, ao estar incluídas no seu catálogo de servizos.