A Fegamp reclama a participación directa dos concellos nos Fondos europeos para a recuperación da pandemia

Data: 

mércores, 21 Abril, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias solicita ao Goberno do Estado que transfira directamente ás entidades locais o 15% dos Fondos NextGeneration que correspondan a España.

Na declaración institucional aprobada por unanimidade pola Comisión Executiva, a Fegamp reivindica a participación das entidades locais no reparto dos fondos en tanto son parte da arquitectura do Estado. A Fegamp comparte a postura da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) sobre o papel dos concellos na labor de reconstrución económica e social por levar a cabo e coincide na estimación de canto debe corresponder aos concellos: o 15% dos fondos unha vez descontados os gastos sanitarios.

Por outra banda, a Fegamp engade un factor fundamental a ter en conta no reparto dos fondos e sinala indispensable que o criterio de distribución teña en conta a dispersión xeográfica e o envellecemento poboacional.

A declaración lembra que “pasado un ano, os gobernos locais seguen a procurar, cos seus exclusivos recursos, o auxilio da cidadanía, non só nas súas necesidades básicas, senón tamén apoiando a actividade económica e social dos seus pobos, vilas e cidades” e que, poden “achegar o coñecemento e experiencia á xestión dos recursos económicos que se están a habilitar e contribuír ao seu uso eficiente (...) para garantir “o acceso en igualdade da cidadanía a unha carteira homoxénea de servizos e recursos”.

A declaración está dispoñible na web da Fegamp: https://bit.ly/3xdgMAI