A FEGAMP recada información dos EPIs que precisan os concellos para protexer aos seus traballadores

Data: 

venres, 20 Marzo, 2020 (Todo o día)

A FEGAMP está a recoller as necesidades de Equipos de Protección Individual das entidades locais. Para iso a Federación puxo en marcha un formulario “on line” na súa web (http://www.fegamp.gal/info-coronavirus) no que poden reflexar o tipo e a cantidade de material que precisan para protexer a saúde dos seus traballadores.

Dende a declaración de emerxencia a FEGAMP está a recibir numerosas consultas e peticións. O máis preocupante para os concellos é o mantemento de prestacións coma servizos sociais (axuda ao fogar, centros de inserción social, unidades de atención a drogodependencia) bombeiros, policía local ou servizos mínimos da administración, sen poñer en risco aos seus traballadores e aos beneficiarios que atenden.

A medida chega despois de que o presidente da Federación, Alberto Varela, trasladara á Xunta nas reunións da CECOP (Centro de Coordinación Operativa do Plan de emerxencia de Galicia) esas circunstancias. Con este traballo cos concellos, a FEGAMP pretende cuantificar as carencias de forma real e anticiparse para que a futura subministración sexa eficaz e máis eficiente. Unha vez recibidas, a FEGAMP trasladará as necesidades das entidades locais ás autoridades competentes na adquisición e distribución do material de prevención.

Neste formulario pregúntase polas necesidades inmediatas para a prestación dos servizos ata o 31 de marzo e pídese unha estimación do material que se necesita por semana para prever e organizar futuras previsións.

Na súa función de representación das entidades locais de Galicia, a FEGAMP forma parte do CECOP para coordinar o traballo entre as distintas administracións. Ademais de participar nas reunións do Centro de Coordinación do Plan de emerxencia, a Federación reforzou as canles de comunicación coas entidades locais e habilitou un servizo de consultas e información para os concellos.