A Fegamp ratifica que o actual proxecto de Lei repercutirá na factura da auga

Data: 

mércores, 10 Novembro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias ratifica que, tal como está, o proxecto de Lei de agua da Xunta de Galicia suporá encarecementos na factura para moitas familias galegas.

Ante a filtración intencionada dun acta de traballo dos técnicos da que se supuña era unha primeira reunión de contacto para, entre outras cousas, por en común todos os factores que poden afectar ao custo da auga e axustar ese cálculo, a Fegamp aclara que na reunión quedaron claras as fórmulas empregadas e que, como consta no documento, había erros nas estimacións por ambas partes.

Se ben o encarecemento da auga variará en función dos conceptos a aplicar na factura, os técnicos da Federación xa comezaron un estudio cunha mostra significativa de concellos para ter unha radiografía máis axustada de en que casos e canto pode subir a factura, documento que se porá a disposición da Consellería de Infraestruturas.

A Fegamp considera absolutamente necesaria unha Lei que mellore a xestión da auga en Galicia e, precisamente pola importancia e complexidade de dita norma e da súa aplicación, considera que este proxecto debe levar unha memoria económica exhaustiva e que o seu desenvolvemento debe ser consensuado cos Concellos e Deputacións. Por último, pide protexer esta labor de polémicas e argumentacións tendenciosas que prexudican o traballo e inquedan á cidadanía.