Data:

A Comisión Executiva da FEGAMP avaliou negativamente a proposta recibida da Consellería de Política Social, que sube dende os 12 euros /hora actuais ata os 14 euros/hora no 2026, ata os 15 euros/hora no 2027 e ata os 16 euros/hora no 2028
Aprobou sen votos en contra responder á proposta da Consellería coa necesidade urxente de subir a 17 euros/hora dende xaneiro de 2025 e abrir unha negociación que resolva antes de rematar o mandato dos concellos o financiamento ao 100% do custo do SAF
Tamén aprobou solicitar unha reunión urxente coa conselleira de Política Social, Fabiola García, que tería que celebrarse antes de que se peche o proceso de aprobación parlamentaria dos orzamentos para 2026 da Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 12 novembro de 2025.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou esta mañá unha xuntanza extraordinaria, na que se abordou como único asunto dar reposta á proposta recibida pola Consellería de Política Social para o incremento do prezo/hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dentro do proceso de negociación aberto.
Concretamente, a proposta consiste nunha suba dende os 12 euros/hora actuais ata os 14 euros/hora no 2026, ata os 15 euros/hora no 2027 e ata os 16 euros/hora no 2028.
Sobre a proposta, os alcaldes e alcaldesas membro da Comisión Executiva da FEGAMP amosaron o seu rexeitamento á mesma, por quedar moi lonxe de resolver o problema actual de financiamento do SAF que padecen os concellos, tendo que facerse cargo da meirande parte do seu custo, que supera amplamente os 22 euros por hora de servizo de media.
Sobre as iniciativas a adoptar aprobouse unha posición maioritaria sen votos en contra, acordando responder á proposta da Consellería coa necesidade urxente de subir a 17 euros/hora dende xaneiro de 2025 e abrir unha negociación que resolva antes de rematar o mandato dos concellos o financiamento ao 100% do custo do SAF, seguindo o marcado pola Lei de Dependencia que sinala que “a achega das Comunidade Autónomas ten que ser alomenos igual á realizada pola Administración Xeral do Estado para o financiamento do nivel mínimo e do nivel acordado de protección do SAAD no territorio daquela”.
Ademais, a FEGAMP lembra que a Xunta de Galicia ten competencia exclusiva en asistencia social, e a Lei de Servizos Sociais de Galicia di textualmente no seu artigo 53.2 que “a atribución ás entidades locais de competencias de titularidade autonómica en materia de servizos sociais deberá ir acompañada da transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o adecuado exercicio das mesmas”.
A proposta aprobada tamén inclúe solicitar unha reunión urxente coa conselleira de Política Social, Fabiola García, que tería que celebrarse antes de que se peche o proceso de aprobación parlamentaria dos orzamentos para 2026 da Xunta de Galicia. Na reunión se abordaría resolver tanto a suba para 2025 como a negociación do 100% do custo do SAF.
Os alcaldes e alcaldesas que se abstiveron sobre a proposta maioritaria propuxeron solicitar a reunión urxente e presentar alí a proposta económica alternativa para axilizar así a resolución por acordo.
A negociación da mellora do financiamento do SAF iniciouse en marzo pasado, despois de que dende a FEGAMP se reclamara polas dificultades dos concellos de poder asumir os custos do SAF non cubertos polos 12 euros/hora achegados pola Xunta e o Ministerio de Política Social.
Neste período celebráronse dúas reunións e dende a FEGAMP achegouse en abril á conselleira un informe actualizado sobre a situación de custos do SAF nos concellos, cun prezo medio por hora dos contratos adxudicado en 2025 sitúase en 22,72 euros/hora.
Dende antes do verán se ven solicitando unha proposta económica á Consellería, tendo anunciado o presidente da Xunta de Galicia, tanto na reunión co presidente da FEGAMP de xuño de 2024 como este no Parlamento unha previsión de suba ata os 17 euros/hora, pero sen concreción.
Coa proposta recibida da Consellería non se resolve a falta de financiamento do SAF que padecen os concellos, aumentada trala modificación de intensidades establecidas no RD 675/2023 que, atendendo ao número de usuarios e graos de valoración do SAF en Galicia, leva un custo total estimado atendendo ao prezos por hora medio actual que variaría entre os 260 millóns de euros (intensidade mínima en cada grao) e 420 millóns de euros (intensidade máxima en cada grao).

Sede Electrónica