Data:

A Federación Galega de Municipios e Provincias insta a seguir a traballar nun fondo común que canalice todas as axudas. Así o trasladou o presidente Alberto Varela, que desenvolveu a proposta trasladada esta mañá ao Clúster de Turismo de Galicia e á Xunta de Galicia.
As entidades locais aceptan facer un maior esforzo económico ao aportar unha proporción maior dos seus orzamentos, que no seu conxunto acadaría entre os 20.000.000 € - 25.000.000 €.
A xestión do fondo debe realizarse a través dos concellos, en tanto que administración local máis próxima e, en moitos casos, áxil. Para garantir rapidez suxírese o sistema implantado na Comunidade Valenciana (proposto nestas conversas) ou outros utilizados en concellos galegos que permiten a entrega das axudas en cuestión de días.
A xestión municipal solucionaría así mesmo outra cuestión fundamental: que a aportación de cada concello redunde exclusivamente en beneficio dos seus contribuíntes, de tal xeito que o diñeiro dos seus impostos retorne a eles agora que tanto o necesitan. Entendendo que é a Xunta de Galicia, como administración que vertebra a comunidade, a que ten que habilitar un fondo especial para aqueles concellos que acrediten non poder contribuír a un fondo común.
A Fegamp considera que se fixeron grandes avances e que empregar o sistema da Comunidade Valenciana como modelo para desenvolver un fondo común que responda á realidade empresarial galega permitirá acurtar prazos dun traballo que leva meses, pero que, como se viu, no é posible artellar en tres reunións.
Dada urxencia e que a Xunta de Galicia non dispón de solucións técnicas para estas cuestións de aplicabilidade, a proposta das entidades locais é o reparto inmediato por parte de todas as administracións das axudas comprometidas e seguir a traballar para concretar todas as cuestións necesarias cara á posta en marcha dun fondo común con solucións reais e óptimas para todos os concellos, nesta ou en eventuais vindeiras axudas.