Data:

- Os concellos afectados polas reclamacións económicas de Augas de Galicia xuntáronse hoxe na FEGAMP e apostan polo diálogo e o entendemento para resolver esta situación
- O presidente da FEGAMP sinala que “a Xunta e Augas de Galicia non deberán pretender “afogar” aos concellos cos recibos do auga"
- A realidade das contías reclamadas por Auga de Galicia aos concellos dá a razón á FEGAMP nas súas previsións elaboradas coa información económica da Lei do ciclo integral da auga
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe unha xuntanza cos concellos afectados polas reclamacións económicas que desde Augas de Galicia se están a facer por contar con depuradoras de titularidade municipal xestionadas pola dita entidade directamente ou a través de contratos de concesión de obra pública, como consecuencia da entrada en vigor da lei 1/2022, de 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da Auga.
A xuntanza contou coa participación activa de alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, ademais de Alberto Varela, Carlos Martínez e Secundino García, como presidente, vicepresidente primeiro e vicepresidente segundo da FEGAMP, respectivamente.
Despois dunha posta en común do proceso de aprobación e aplicación da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, no que non houbo diálogo previo cos concellos galegos, se abordou a realidade que se está a padecer en cada concello afectado, con cuantiosos incrementos no cobro da auga aos concellos, que, desgraciadamente, dan a razón á FEGAMP nas súas previsións elaboradas coa información da memoria económica do proxecto de lei que sinalaban un incremento dun 60% sobre o custo do auga anterior aos concellos afectados.
Por todo isto, se convino en analizar dende a FEGAMP todas as liquidacións reclamadas dende Augas de Galicia aos concellos afectados, os recursos e alegacións presentadas polos concellos e a información relacionada coa situación do saneamento, e con toda esa información abrir o proceso de diálogo con Augas de Galicia para traballar ambas partes, concellos e Xunta de Galicia, na solución óptima adaptada a cada concello.
Para os concellos afectados é necesario situar este proceso nun escenario presidido pola boa vontade das partes, polo que se valora como imprescindible que dende Augas de Galicia se aplicara unha moratoria no cobro desas liquidacións ata acadar unha solución óptima para os concellos e para a Xunta.
En opinión de Alberto Varela, presidente da FEGAMP, “a Xunta e Augas de Galicia non deberan pretender “afogar” aos concellos cos recibos do auga dunha lei que se impuxo sen diálogo, e se evidencia que só o diálogo e o entendemento poden abrir as vías de solución á situación de afogo que están a supoñer as liquidacións de Augas de Galicia aos concellos afectados”.