Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias recibe con satisfacción a decisión da Xunta de mellorar os CIM e procurará que a reforma da rede se desenvolva en coordinación cos concellos, prestadores desta atención.
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, trasladou á Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, o seu consenso respecto aos obxectivos que lle foron presentados en liñas xerais e ofreceu toda a colaboración do municipalismo, entendendo que dita reforma “non ten sentido sen a participación das entidades que levan a cabo o servizo”.
Varela tratará o asunto co resto da directiva da Federación inmediatamente xa que “urxe traballar para asegurar o correcto desenvolvemento de esas melloras”.
Dentro dos esforzos para impulsar a igualdade e a loita contra a violencia de xénero, a Fegamp realizara en 2020 un completo informe sobre a situación da rede de CIM que amosaba unha preocupante carencia de fondos e profesionais así como claros desequilibrios entre zonas xeográficas e centros. Así, a suma dos centros municipais das provincias de Lugo e Ourense non alcanzaban a cifra dunha soa das provincias atlánticas, a falla de financiamento obrigaba a algúns concellos a aportar ata o 88% dos fondos e só un 5% dos CIM contaba con persoal administrativo, coa conseguinte sobrecarga de traballo e funcións e consecuencias na prestación do servizo.
Coa nova reforma anunciada pola Xunta de Galicia, a Fegamp confía en traballar arreo nunha estratexia conxunta que estableza criterios de localización e prestación de servizos, tendo en conta factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográfricas, que mellore o sistema de financiamento e estableza ratios de persoal cara a garantir que calquera muller, en calquera punto de Galicia, poida recibir unha asistencia de calidade neste eido.