A Fegamp presiona para que cheguen “fondos COVID” á administración local

Data: 

martes, 20 Outubro, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias reclama ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia axudas similares ás inxeccións económicas que ambos recibiron para enfrontar os gastos derivados da pandemia. Neste sentido, a Fegamp ínstalles a que creen un “Fondo Extraordinario para Entidades Locais”, e lembra que os concellos son a única administración que non tivo ningunha axuda dende que se decretou o Estado de alarma a pesar de que son responsables da posta en práctica e control da maioría das medidas especiais, co sobreesforzo que isto supón para as arcas municipais.

A decisión conta co respaldo unánime de Comisión Executiva. Este órgano, formado por concellos con representación de todas as cores políticas, aprobou o escrito logo de ser informada das conclusións do Consello Territorial da FEMP celebrado no día de onte.

Por outra banda, á espera da auditoría comprometida pola Xunta de Galicia para valorar as competencias impropias que os concellos están a asumir - carga agravada polas tarefas asumidas no contexto da crise sanitaria-, a Fegamp require ao Goberno autonómico abordar de forma urxente o financiamento da desinfección dos centros educativos que, segundo as estimacións dos técnicos da Federación, pode supor para as entidades locais un sobrecusto de 11 millóns de euros.