A FEGAMP pide a Xunta e Delegación do Goberno unha comisión de traballo urxente para manter o SAF

Data: 

venres, 28 Outubro, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias insta a Xunta de Galicia e Delegación do Goberno a crear urxentemente unha comisión de traballo para garantir o Servizos de Atención ao Fogar.

A Fegamp leva tempo a reclamar que Goberno autonómico e Goberno de España asuman -como lles obriga a lei- o financiamento deste servizo que ata o de agora viña a manterse maioritariamente coas aportacións voluntarias dos Concellos (40% fronte ao 60% co-financiado entre as outras administracións xuntas) para que os seus veciños e veciñas puideran recibir dita prestación. O pasado mes de decembro a Federación acadou o compromiso de que Xunta e Goberno de  España aumentarían a súa aportación conxunta en 2022 ata financiar 11 dos 16 euros/hora de media que custaba este servizo. Mais o comezo da crise da Ucraína e o incremento constante dos custos anulou os efectos de tal subida, chegando ao punto de que hai concellos que non poden licitar contratos de SAF ante a imposibilidade de pagar os 20-21 euros/hora que están a requirir as empresas.

Representantes da patronal e dos traballador@s teñen trasladado en sendas reunións coa Fegamp a insostibilidade da situación.

Tras meses a requirir a Comisión de seguimento do SAF para re avaliar a situación e levar a cabo as reformas precisas para garantir a estabilidade do sistema, a Federación vén de trasladar aos concellos unha petición da Xunta para que organicen servizos mínimos ante a folga indefinida de “todo o persoal que realice actividade no sector dos servizos de atencións socioasistencial ás persoas e atención á dependencia e ao desenvolvemento da autonomía persoal” que comezará o vindeiro 2 de novembro, se ben hai dúbidas da cobertura legal para cumprir o procedemento solicitado xa que segundo o artigo 59 da Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia, como no artigo 11 da Lei de dependencia 39/2006, a planificación sería competencia do Goberno autonómico. Neste momento o SAF asiste a máis de 24.000 usuarios e usuarias de gran vulnerabilidade.