A FEGAMP participou no Consello Territorial da FEMP

Data: 

martes, 28 Abril, 2026 (Todo o día)

Madrid, 28 de abril de 2026.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), representada polo seu presidente, Alberto Varela, e polo seu vicepresidente segundo, Secundino García, participou no Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), órgano máximo entre plenos, que se encarga de desenvolver as súas resolucións aprobadas e da permanente colaboración, coordinación e consulta entre a FEMP e as distintas federacións territoriais, como a FEGAMP.

A presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, destacou na súa intervención a necesidade de manter un encontro co novo ministro de Facenda, Arcadi España, -a quen xa solicitou unha reunión- para abordar algunhas das cuestións que urxen aos concellos en materia financeira. A primeira destas cuestións é que se actualicen as entregas a conta da participación dos ingresos do Estado. E a segunda, que se habilite a posibilidade de facer investimentos financieramente sustentables en 2026 -entre eles a construción de vivenda-, que esa posibilidade sexa indefinida, sen necesidade dunha norma que o prevexa cada exercicio e que o prazo de execución das mesmas sexa plurianual.

Durante a reunión, celebrada na sede da FEMP, tamén abordouse a situación que afrontan os concellos ante o proceso de regularización extraordinaria, dado que participan na tramitación administrativa tanto da emisión de certificados de empadroamento como de vulnerabilidade.

Outro dos asuntos tratados foi a Guía de recomendacións para a tramitación en materia de vivenda da FEMP, que servirá como folla de ruta para os consistorios e que foi froito da colaboración con sete concellos e once colexios profesionais e colectivos relacionados coa vivenda.

 

CONSELLO TERRITORIAL FEMP