Data:
- Na xornada entregáronse os premios Axentes TIC en recoñecemento do labor de dinamización destes profesionais
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024.- A secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Patricia Vilán, participou hoxe na xornada "A Rede CeMIT derrubando barreiras cara a inclusión social", xunto cos axentes TIC da Rede de aulas CeMIT e representantes de diferentes asociacións que traballan con persoas con diversidade funcional.
A xornada foi organizada pola Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia (Amtega), e se celebrou no Centro GaiásTech, tendo como obxectivo "abordar o enfoque necesario para que o acceso á capacitación dixital das persoas con capacidades diversas sexa o máis efectivo e accesible posible desde esta rede de aulas públicas".
Na súa intervención, Patricia Vilán repasou a colaboración da Amtega e da FEGAMP en torno a Rede de Aulas CeMIT comezando coa posta en marcha da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica alá polo ano 2010 e que agora ten presenza en 92 concellos pertencentes a 53 comarcas. Tamén destacou a posta en marcha do Plan de Inclusión Dixital de Galicia co obxectivo de avanzar na alfabetización e na autonomía dixital, ata chegar finalmnete ao actual Plan de Reforma e ampliación da Rede CeMIT 2022-2025.
A secretaría xeral da FEGAMP salientou que "durante este traxecto todos os axentes implicados neste ecosistema dixital consolidamos un espazo de cooperación, consenso, implicación e participación que permitiu avanzar na cohesión social nos entornos locais dende o coñecemento, a competencia dixital, o acceso ás TIC e creando oportunidades de emprendemento asociado".
Vilán rematou achegando "o agradecemento polo compromiso dos axentes TIC que dinamizades as aulas, que estades en contacto permanente coa cidadanía, que dades cabida ás iniciativas socioeconómicas dos vosos territorios e que non parades de discurrir en como achegar as tecnoloxías e con elas a oportunidades, xa sexan de envellecemento activo, de superación da fenda dixital ou de oportunidades socioeconómicas" e os parabéns polo gran traballo desenvolto.
Durante a xornada tamén entregáronse os "Premios Axentes TIC da Rede CeMIT" nas categorías “Espazo Maker” e “Maiores Dixitais”, resultando premiados na categoría de “Espazo Maker” Ana María Pérez Martínez, axente TIC da aula de Guitiriz, e Víctor Manuel Galdo Gómez, axente TIC da aula de Cuntis. Tamén resultaron premiados na categoría de “Maiores Dixitais” José Manuel Rego López, axente TIC da aula de Castrelo de Miño, e Laura Fernández Álvarez, axente TIC da aula de Celanova.