Data:

O encontro reuniu os socios do proxecto que fixeron seguimento e avaliaron o labor realizado. Informouse da posta en marcha dos proxectos piloto que están a desenvolverse en Galicia e Estonia, analizándose as principais dificultades atopadas . A reunión serviu tamén para intercambiar coñecementos e boas prácticas e para definir as principais liñas de traballo dos próximos meses.
Tartu (Estonia), 25 de setembro de 2026.- Unha representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) composta pola súa secretaria xeral, Patricia Vilán, e por María Lamelas participou os pasados 23 e 24 de setembro na Universidade de Tartu, na reunión anual do proxecto europeo EC4RURAL – Fomento do compromiso local para a transición enerxética limpa no rural a través das comunidades enerxéticas.
Durante a primeira xornada, celebrada no Tartu Nature House, os socios revisaron a evolución das principais áreas de traballo do proxecto, incluíndo a participación e creación de redes, a formación, a comunicación e difusión e o seguimento da execución dos proxectos piloto. Un dos principais puntos da reunión foi a presentación do estado dos pilotos desenvolvidos en Galicia e Estonia. O intercambio permitiu compartir os avances deste período, así como as dificultades atopadas e as solucións aplicadas nos diferentes territorios. Tamén se realizou unha actualización do segundo período de xustificación do proxecto, poñendo en común o estado da execución e os aspectos que deberán ser abordados polo consorcio nos próximos meses.
A xornada completouse cunha visita técnica a Põltsamaa, onde os participantes coñeceron diferentes iniciativas relacionadas coa transición enerxética e o desenvolvemento local. Entre elas destacaron a experiencia da comunidade de Umbusi, iniciativas municipais no ámbito das enerxías renovables e o traballo de Jõgevamaa Koostöökoda, grupo LEADER, que desenvolve medidas de apoio orientadas, entre outros obxectivos, á redución dos gastos enerxéticos. Estas experiencias permitiron trasladar o debate técnico ao territorio e coñecer de primeira man iniciativas estonianas que poden contribuír ao intercambio de coñecementos e á identificación de solucións aplicables noutros contextos rurais.
A segunda xornada adicuose á celebración do Comité de Dirección para abordar a planificación futura do proxecto, tratando cuestións relacionadas coa modificación do proxecto, os recursos humanos, o orzamento, os indicadores de resultados e o plan de traballo para o próximo ano. O encontro incluíu tamén un espazo de debate entre os socios para extraer conclusións dos avances realizados e concretar os próximos pasos de EC4RURAL. Outro dos aspectos abordados foi a continuidade dos resultados do proxecto máis alá da súa finalización, analizando como manter e aproveitar as experiencias, coñecementos e ferramentas desenvolvidas nos territorios participantes durante os cinco anos posteriores ao remate do proxecto.
A dimensión internacional do proxecto EC4RURAL permite comparar diferentes realidades rurais e analizar como as comunidades enerxéticas poden contribuír á transición enerxética e adaptarse ás características e necesidades específicas de cada territorio.
EC4RURAL, iniciado en setembro de 2023 e cunha duración de 48 meses, conta cun orzamento próximo aos 1,6 millóns de euros, financiado polo programa europeo LIFE. No proxecto participan 22 concellos galegos e 12 municipios estonianos, coa Universidade de Vigo como entidade coordinadora.






Sede Electrónica



