A FEGAMP participará no XIII Pleno da FEMP

Data: 

venres, 22 Setembro, 2023 (Todo o día)

Na súa representación asistirá Alberto Varela, presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) estará representada polo seu presidente, Alberto Varela, no XIII Pleno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se celebrará mañá, sábado 23 de setembro, no Pazo Municipal de Congresos de Madrid baixo o lema "O futuro está no Local".

Durante a xornada se debatirán e acordarán os obxectivos e liñas de traballo para os vindeiros catro anos, ademáis de elixir unha nova Xunta de Goberno (Presidencia, Vicepresidencias e Vocalías) e un novo Consello Territorial, onde a FEGAMP participa. Neste mandato que remata foi Alberto Varela quen representó á FEGAMP no Consello Territorial da FEMP, que cumpre as funcións de máximo órgano entre Plenos.

Neste Pleno remata o segundo mandato de Abel Caballero como presidente da FEMP. Por este motivo, dende a FEGAMP quérese amosar o recoñecemento e os parabéns ao alcalde de Vigo polo labor desenvolto na defensa dos intereses dos concellos e deputacións na procura de dotar á cidadanía da mellor atención e os mellores servizos da administración pública máis próxima.

O Pleno da FEMP comezará coa inauguración ás 10:00 horas prevéndo rematar  os seus traballos sobre ás 19:30 horas coa clausura e intervención da nova Presidencia.