A FEGAMP participa no lanzamento do proxecto EC4RURAL salientando o compromiso das entidades locais co fomento das comunidades enerxéticas

Data: 

mércores, 20 Setembro, 2023 (Todo o día)

Carlos Martínez, vicepresidente primeiro da FEGAMP e alcalde de Vedra, interveu na inauguración da xornada e destacou a participación de 22 concellos galegos neste proxecto.

Vigo, 20 de setembro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) está a participar hoxe e mañá, xoves 21, na xornada de lanzamento do proxecto EC4RURAL, do que forma parte do seu consorcio promotor .

A sesión de traballo de hoxe contou coa intervención de Carlos Martínez, vicepresidente primeiro da FEGAMP e alcalde de Vedra (A Coruña), que destacou o labor das entidades locais galegas en proxectos como este, buscando achegar recursos e oportunidades económicas e sociais aos concellos do rural galego, onde as comunidades enerxéticas obxecto deste proxecto son unha potencialidade, e por iso contan co apoio para o seu fomento dos 22 concellos galegos que van participar neste proxecto: Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, O Rosal, Salvaterra do Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar.

Carlos Martínez tamén sinalou a importancia deste proxecto dende os beneficios medioambientais das comunidades enerxéticas na xeración e consumo de enerxía limpa, da redución das facturas de electricidade no actual contexto de suba de prezos, constituíndose como elementos de cohesión territorial e social, e como promotoras da actividade económica.

Baixo o título “Fomentar o compromiso local para a transición enerxética limpa en áreas rurais mediante comunidades enerxéticas” o proxecto europeo EC4RURAL está cofinanciado polo programa Life, no marco do subprograma Clean Energy, cun orzamento de 1,6 millóns de euros. Impulsará a creación de comunidades enerxéticas (REC) en concellos rurais, que atópanse en situación de desvantaxe en Europa a pesares da súa riqueza de recursos, e que ten que afrontar situacións de despoboamento, de dificultades de acceso a servizos básicos que poden derivar en pobreza enerxética.

O proxecto está liderado pola Universidade de Vigo e participan entidades de Estonia (Universidade de Tartu, Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, Asociación de Municipios), Bélxica (Asociación Europea para o Desenvolvemento Rural) e España (FEGAMP, Fundación Juana de Vega, Unión de Cooperativas Espazocoop), entre outras.