Data:
A vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral interveu na clausura e durante toda a xornada dende o área de Proxectos da FEGAMP se informou aos participantes sobre o proxecto europeo EC4RURAL, que impulsa as comunidades enerxéticas nos municipios rurais.
Ames, 22 de novembro de 2023.- O Concello de Ames ven de organizar a xornada “Comunidades enerxéticas. Un paso máis cara o autoconsumo”, na que a Federación Galega de Municipios e Provincias participou activamente.
Esta xornada, en palabras do alcalde de Ames, Blas García,“serviú de mostra para municipios, para asociacións de particulares e empresas de todo Galicia, podendo ver de primeira man as novas posibilidades de auto-abastecemento enerxético que ofrecen as comunidades enerxéticas”. Isto pudo comprobarse coas intervencións na xornada, como no caso da inauguración coas intervencións do propio alcalde de Ames, Blas García, e do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila. Despois, desenvolvéronse a mesas de diálogo técnico, coas intervencións de Gabriele von Hunderlshausen (xunta directiva de Arousa en Transición), Víctor Pastoriza Lino (Secretario e Cofundador de Moaña Solar), Raquel Piñeiro López (Oficina Next Generation da Deputación da Coruña) e Juan Ignacio Rodríguez Fernández-Arroyo (Director do Departamento de Enerxía do INEGA); e, de seguido, a mesa de diálogo político, coas intervencións do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes da Illa de Arousa e Begonte, Luís Arosa García e José Ulla Rocha, respectivamente.
Finalmente, na clausura da xornada interviron o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco,e María Barral Varela, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, que, na súa intervención salientou que no "mandato da FEGAMP do período 2019-2023 que acabamos de pechar, puxemos en marcha un espazo novo de prospección e xestión de recursos para as entidades locais involucrándonos en proxectos nacionais e europeos". Proseguiu sinalando que "estes proxectos están orientados a aportar recursos e oportunidades económicas e sociais aos concellos do rural galego, que son a mayoría no noso territorio. Concellos do rural que son entidades pequenas, con escasos recursos económicos e de persoal, e cunhas circunstancias que en moitas ocasións condicionan o seu desenvolvemento". Así é como dende a FEGAMP se atende "unha demanda que se fixo máis esixente coa chegada dos fondos NextGenerationEU, e é un compromiso que se afronta daquela co convencemento de que podemos ser útiles aos concellos tamén neste ámbito".
Para a vicepresidenta executiva da FEGAMP "esta liña de traballo é un compromiso que mantemos e esperamos reforzar neste mandato que acaba de comezar, abordando novos ámbitos socioeconómicos dos territorios, e sempre contando coa inestimable colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), que lles dan aos proxectos unha orientación práctica e útil para abordar o reto que se pretende en cada un deles". María Barral confirmou que "nesta contribución da FEGAMP como prospectores e xestores de recursos cara as entidades locais, non fomos alleos ao crecente interese dos concellos polas comunidades enerxéticas". É así como a FEGAMP se involucrou en dous proxectos europeos, que están aprobados e en execución:
- O proxecto europeo EC4RURAL, do que estivo informándose durante toda a xornada dende o área de Proxectos da FEGAMP, aos participantes, e que ten como obxectivo fortalecer e transformar as relacións entre autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais, para impulsar as comunidades enerxéticas nos municipios rurais, contribuíndo á transición cara ás enerxías limpas nas zonas rurais europeas. O proxecto contempla o desenvolvemento de dúas accións piloto, unha en Galicia, involucrando a 22 entidades locais, e outra en Estonia, que involucra a 12 entidades locais. O proxecto está liderado pola Universidade de Vigo e está cofinanciado polo programa europeo LIFE. Conta cun orzamento de 1,58 millóns de euros, dos cales algo máis de 700 mil euros serán mobilizados en Galicia. A FEGAMP ten asignado un orzamento de 125.818 €.
- Por outra banda, acaba de ser aprobado o proxecto CEL_RURAL, liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, no que tamén participa a FEGAMP. Trátase neste caso dun proxecto Poctep Interreg, que conta cun orzamento de 1.150.000 euros, dos cales uns 600.000 serán movilizados en Galicia. CEL_RURAL ten por obxeto o desenvolvemento de actuación piloto para o fomento de comunidades enerxéticas en entornos rurais do espazo Poctep.