A FEGAMP participa en Granada, nas xornadas de traballo do proxecto RETTURN

Data: 

xoves, 11 Xaneiro, 2024 (Todo o día)

Torvizcon (Granada), 11 de xaneiro de 2023.- Unha delegación do equipo técnico da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), encabezada pola secretaria xeral, Patricia Vilán, participan desde onte en Torvizcón (Granada) nunhas xornadas de traballo para avaliar o desenvolvemento do proxecto RETTURN e planificar as actuacións do seguinte trimestre.

Nestas xornadas participan tamén responsables das federacións territoriais de municipios de Andalucía, Aragón, Canarias, Extremadura e Valencia, que, xunto coa FEGAMP conforman o partenariado do proxecto.

Os traballos destas xornadas comezaron o mércores 10 de xaneiro cunha reunión de coordinación do partenariado. Nesta xornada os equipos técnicos puxeron en común os avances realizados ata o momento nos seus respectivos ámbitos, dando a coñecer as experiencias piloto seleccionadas e identificando as actuacións levadas a cabo cos actores do territorio. Ademais, se informou do estado de situación do plan de comunicación para a difusión da Rede RETTURN por todo o territorio nacional.

Tamén houbo tempo para coñecer a comarca das Alpujarras (Granada) e a tradición das “jarapas” nuns teares manuais tradicionais en perigo de desaparición.

O xoves 11 de xaneiro, dentro do porgrama de actividades se celebrou a mesa "A construción dun relato: RETTURN. Modelo de gobernanza", na que a secretaria xeral da FEGAMP presentou as tradicións seleccionadas para este proxecto en Galicia na súa intervención, que son as pallozas e teitos de palla, o patrimonio popular apícola nos dominios do oso pardo e a gandaría de montaña e transhumancia. Están todas localizadas na Montaña oriental de Lugo, na comarca do Ancares.

Patricia Vilán salientou a importancia do traballo desenvolto entre as seis federacións territoriais de municipios neste proxecto que, no caso de Galicia, tamén hai que engadir nesta rede de colaboración ao Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca dos Ancares. A secretaria xeral sinalou que a aplicación dunha metodoloxía participativa, cun traballo planificado e colaborativo, están a ser claves para os avances que se están a obter no desenvolvemento do proxecto.

Lembramos que o proxecto RETTURN ten como obxectivo a recuperación do patrimonio inmaterial para dar resposta á despoboación das zonas rurais mediante a creación de experiencias turísticas baseadas en tradicións locais vinculadas ao entorno rural, busca poñer en valor este patrimonio cultural e recuperar o rural como foco de atracción turística. 

 

Xornadas de traballo do proxecto RETTURN en Torvizcón (Granada)