A Fegamp levará a cabo unha xornada para formar ao persoal técnico e aos/ás concelleiros/as nas novidades en xestión deportiva

Data: 

mércores, 21 Febreiro, 2018 - 10:30

Santiago de Compostela, 21 de Febreiro de 2018.- O presidente da Fegamp, Alfredo García, o presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), Eduardo Blanco, e o xerente da Fundación para o Deporte Galego, presentaron hoxe na sede da Fegamp o programa da II Xornada de Xestión Deportiva para Pequenos e Medianos municipios, que se levará a cabo o próximo 16 de marzo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

O ano pasado, na primeira edición desta xornada, o municipalismo amosou a importancia que lle daban e esta formación cunha alta participación tanto de técnicos/as municipais como de concelleiros/as chegando a ser 200 persoas as que asistiron na sede da EGAP (Escola Galega de Administración Pública). Por isto se espera unha elevada participación o próximo día16 de marzo, data na que se celebrará a segunda edición, e que conta xa con máis de 30 persoas inscritas. Na xornada poñeranse sobre a mesa os pormenores da Nova Lei de Espectáculos de Galicia e a súa afectación ao eido deportivo e tamén se informará sobre a contratación municipal e a xestión do cambio en contratación electrónica. En xeral abordarase tamén a xestión dixital do servizo de deportes aportando ferramentas que poden servir de axuda.

O xerente da Fundación do Deporte Galego, Iván Clavel, deixou clara a “vontade de colaboración que hai desde a Xunta para participar nesta iniciativa” que ademais  consinformou sobre o programa de formación que están levando a cabo desde a Fundación para técnicos/as deportivos/as nas administracións. Clavel tamén salientou a “importancia de contar con técnicos/as formados que axudan na optimización dos recursos e na correcta prestación do servizo”.

O presidente de Agaxede, Eduardo Blanco, destacou a importancia dos temas que se tratarán nesta segunda edición da xornada que ven marcada polas novidades neste eido: “contratación electrónica, nova lei de espectáculos de Galicia, e dixitalización do servizo deportivo, que centrarán as materias sobre as que se informará na xornada”. O presidente de Agaxede tamén incidiu na importancia de que participen máis cargos políticos na xornada que tivo unha maior acollida de técnicos/as municipais.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, fixo referencia á importancia que ten a formación dos cargos públicos en materias como a administración electrónica. Informou que “a Fegamp ten previsto facer outras tres xornadas esta primavera sobre temas que preocupan aos concellos. É unha forma de traballar coa que podemos aprender uns de outros e sobre todo, aprender rápido. O presidente da Fegamp quixo destacar “ o papel dos empregados/as públicos na adaptación das entidades locais ao cambio, por exemplo no aspecto dixital, pero tamén noutros eidos da xestión municipal nos que os empregados públicos son básicos para o aprendizaxe da propia Administración Local; da man deles iremos camiñando cara os cambios no público”.

A asistencia a estas xornadas serve para demostrar que os municipios teñen que aproveitar estas citas para ir despexando dúbidas e apoiándose nas experiencias doutros concellos e así poder superar  tódolos retos que se presentan.

Acceda a toda a información e tamén á inscripción no seguinte link http://www.fegamp.gal/content/ii-xornada-de-xestion-deportiva-para-peque...