A FEGAMP lamenta a falta de compromiso da Xunta de Galicia na resolución dos problemas de financiamento do SAF e das Escolas Infantís

Data: 

martes, 29 Agosto, 2023 (Todo o día)

Son os concellos os que están a facerse cargo da maior parte do custo do Servizo da Axuda no Fogar (SAF) e da gratuidade da Escolas Infantís, e esta situación non é sostible por máis tempo para os concellos.

A xuntanza celebrada hoxe foi solicitada hai meses pola FEGAMP e por fin celebrouse hoxe sen a presencia da conselleira de Política Social.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023.- Para a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a xuntanza mantida hoxe coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia rematou sen avances e serviu para constatar a falta de compromiso do goberno da Xunta de Galicia na resolución dos problemas de finanzamento do Servicio de Axuda no Fogar (SAF) e da gratuidade das Escolas Infantís.

A xuntanza celebrouse hoxe, despois de solicitarse en repetidas ocasións dende hai meses, sen a asistencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, o que para a FEGAMP supón unha declaración de intencións.

Segundo Alberto Varela, presidente da FEGAMP, “a situación é moi delicada para os concellos, especialmente para os que menos recursos dispoñen, e xa é tempo de resolvela. Non hai tempo para que a Xunta de Galicia siga sen asumir a súa responsabilidade e relegar a solución a que o goberno de España sexa quen o resolva con más financiamento”.

Sobre este asunto, o presidente da FEGAMP salientou a necesidade de promover espazos de traballo para atopar solucións, como a xuntanza mantida con sindicatos e empresas no que "se expuxo claramente que, ou afrontamos o problema, ou o Servizo de Axuda non Fogar non ten futuro, polo menos en Galicia". A Consellería de Política Social estaba convocada pero preferiu non asistir.

Para Varela, o que non pode ser é que sexan os concellos os que teñan que verse na obriga de manter economicamente este servizo dende os seus recursos propios, cunha suba continua, que sitúa o prezo medio por hora por riba dos 19 euros, e chegando a superar os 25 euros en cada vez máis concellos. "E o financiamento que estamos a recibir os concellos dende a Xunta e do Estado son 12 euros por hora", sumando os 47 millóns de euros que achega a Xunta o os 65 millóns de euros que achega o goberno de España. Sendo imprescindibles o máis de 200 millóns de euros que achegan os concellos galegos para poder garantir o SAF.

Na xuntanza acordouse convocar para a segunda metade do mes de setembro unha reunión da comisión de seguimento do acordo marco asinado en 2021 para o financiamento do SAF.

Tamén o asunto da gratuidade das Escolas Infantís ten que resolver o impacto negativo que supón para as finanzas dos concellos. Dende a FEGAMP se critica que a Xunta financie a gratuidade das prazas nas escolas de titularidade privada centros privados con ata 300 euros, mentras que aos concellos "o máximo que se lles da sexa en torno a 170 euros", para as prazas das escolas públicas, e "o resto" sufrágano os concellos.