Data:

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025.- Logo da aprobación no Consello de Goberno da Xunta de Galicia celebrado onte do Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos S.A. (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, por un importe total de sesenta e un millóns cento vinte mil euros (61.120.000,00 €) para os anos 2026, 2027, 2028 e 2029, tramitado como anticipado de gasto, dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vémonos na obriga de informar sobre o acontecido no proceso da negociación do novo Convenio para o ano 2026.
A Comisión Executiva da FEGAMP na xuntanza extraordinaria celebrada o pasado 4 de decembro de 2025 non rexeitou a sinatura do convenio para a limpeza das faixas secundarias, senón que rexeitou a última proposta recibida da Xunta de Galicia solicitando que continuasen as negociacións cara a poder chegar a un acordo. A FEGAMP en todo momento mantivo a súa vontade total de seguir negociando, polo que se ofreceu a reunirse as veces que fosen necesarias co obxectivo de chegar a un convenio xusto, equilibrado e eficaz para os 313 concellos de Galicia. Os motivos concretos para o rexeitamento desa proposta foron os seguintes:
Duración do convenio: A Xunta de Galicia propuxo un convenio con vixencia de 4 anos, mentras que dende a FEGAMP se consideraba unha vixencia de 2 anos coa posibilidade de 2 anos máis de prórroga, dado que o mandato da actual Comisión Executiva da FEGAMP só lle restan dous anos de mandato e non se quería condicionar o labor da vindeira comisión executiva que será elixida en 2027.
Fondo de cooperación local: A Lei de Medidas que acompaña ao proxecto de lei de Orzamentos prevé retirar o 30% do Fondo de Cooperación Local aos concellos que non se adhiran ao convenio. A FEGAMP considera isto unha coacción inaceptable e un ataque directo á autonomía municipal. Non se pode "tocar" o Fondo de Cooperación Local. Partimos de que nos anos anteriores xa se retiraron máis de 4 millóns e medio de euros do Fondo para incendios. Dende a FEGAMP defendemos que sexa cada concello quen decida libremente o seu uso, que non veña condicionado per se.
Limpeza de camiños municipais: A Xunta de Galicia propuxo 12 km por Concello, pero dende a FEGAMP cremos que son de todo insuficientes para o rural galego e consideramos que o mínimo deberían ser 20 km.
Execución subsidiaria e criterios poboacionais: A Xunta fixou o límite para concellos de menos de 10.000 habitantes. Dende a FEGAMP denunciamos que este non é un criterio legal recoñecido e que os tramos reais son os da LALGA e a LBRL. Un cambio que adoptou a Xunta unilateralmente e que non explicou con ningún motivo técnico.
Falta de claridade orzamentaria: A Xunta de Galicia falou dun orzamento de 61 millóns de euros a 4 anos, pero non presentou ningunha partida orzamentaria concreta asignada. Dende a FEGAMP esixímoslle transparencia total.
Limpeza dos núcleos, non só das faixas: Dende a FEGAMP propuxemos limpar tamén os núcleos, especialmente aqueles máis ameazados. A realidade dos incendios nos últimos anos indícanos que xa chegan a afectar dentro dos núcleos poboacionais, por iso, dende as administracións temos que actuar.
Dende a FEGAMP negamos rotundamente que exista ou existise un acordo previo de sinatura.
Porén, non podemos deixar de defender a autonomía municipal, o financiamento xusto e a implicación e traballo de todas as administracións nunha cuestión de vital importancia como é a loita eficaz contra os incendios.

Sede Electrónica