A Fegamp impulsará a atención ás mulleres dende os CIMs

Data: 

luns, 14 Setembro, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias impulsará a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero e o fomento da igualdade dende as entidades locais. Para iso, a Fegamp fará un estudo cualitativo e cuantitativo da situación actual na rede de CIMs, así como das necesidades de atención tendo en conta as distintas realidades das mulleres galegas.

Alberto Varela porá en marcha esta iniciativa despois de manter unha reunión coa presidenta da Asociación de Profesionais dos CIM (ASOCIM), Montserrat González. A representante destes traballadores e traballadoras trasladoulle a súa preocupación polo desbordamento que están a sufrir nalgúns centros e a imposibilidade de dar ás mulleres a atención e solucións adecuadas. González sinalou que os 82 centros que forman actualmente a rede de atención municipal ás mulleres son insuficientes e están mal distribuídos, poñendo como exemplo que entre as provincias de Lugo e Ourense non suman nin un tercio dos CIMs. Isto supón que numerosas mulleres teñan que percorrer longas distancias coa dificultade engadida de que moitas delas carecen de coche particular. González tamén queixou da insuficiencia de persoal, con cadros mínimos por horas nos que “a atención que está a prestar a psicóloga ou avogada tense que interromper frecuentemente para cuestións que podería facer un administrativo como atender o teléfono ou abrir a porta”. 

A presidenta de ASOCIM tamén puxo enriba da mesa a necesidade de abordar os criterios de reparto do financiamento e de garantir a sostibilidade, reforzando o Pacto de Estado e buscando alternativas ás subvencións do fondo social europeo que rematan este ano. Na liña económica urxiu á modificación na convocatoria de axudas autonómicas, “pouco axustadas á realidade” pois as mulleres maiores de 65 anos non poden solicitalas e “non hai solución para elas”.

Segundo a derradeira Enquisa sobre a violencia contra a muller do Ministerio de Igualdade (2019), o 35,7% das mulleres galegas sufriron acoso sexual e 1 de cada 3 foron vítimas de violencia pola súa parella ou ex parella.

A Fegamp comprometeuse a instar á Xunta a traballar de forma conxunta para abordar estes temas e mellorar o sistema.