A FEGAMP elabora unhas recomendacións de funcionamento para as EELL ante a pandemia

Data: 

domingo, 15 Marzo, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias elaborou unhas recomendacións de funcionamento para as entidades locais. O documento, remitido aos concellos por correo electrónico e dispoñible na web da FEGAMP (www.fegamp.gal/coronavirus), recolle ata nove suxestións para gardar as medidas de prevención no eido da administración pública e garantir a prestación de servizos á cidadanía.

A FEGAMP propón a creación dunha Comisión Municipal de seguimento formada polo equipo de goberno local, o reponsable da Policía local, dos Servizos de Emerxencia e Protección Civil, e dos Servizos Administrativos do devandito concello. Recomenda que o contacto da veciñanza coa administración sexa vía telemática ou telefónica. Para a atención naqueles servizos imprescindibles suxire a prestación mínima coa presenza dunha soa persoa na medida do posible, facilitando o teletraballo e restando os empregados con dispoñibilidade para reemplazar aos compañeiros cando sexa requirido.

Na lista de propostas está tamén a suspensión das sesións dos órganos colexiados a excepción da Comisión de Seguimento do coronavirus de terse constituído.

Estas recomendacións modificaríanse en función da evolución da crise sanitaria e estarían vixentes ao longo do estado de alarma decretado polo Goberno central.

No marco da súa función como representante dos concellos e deputacións galegas, a FEGAMP está a coordinar as accións locais coas demais administracións. Para iso reforzou a súa comunicación coas entidades, poñendo en macha, entre outras medidas, un buzón de consultas, e participando nas reunións do órgano de mando do Plan de emerxencias da Xunta.