A Fegamp e a Xunta renovan a colaboración para loitar contra a violencia de xénero

Data: 

mércores, 15 Novembro, 2017 - 10:00

O presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaba coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, a renovación do acordo de colaboración para impulsar a Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero á que pertencen 178 Entidades Locais Galegas. Tamén se realizou a presentación das actividades promovidas de forma gratuíta dende a Secretaría Xeral da Igualdade  para loitar contra a violencia de xénero como obradoiros educativos, un espectáculo lúdico musical e pedagóxico, dúas exposicións gráficas ou un curso de defensa persoal e autocapacidades.

 

 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2017. O presidente da Fegamp asinaba a renovación do protocolo de colaboración para o impulso da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, unha colaboración que se comezara en 2012 e agora se renova; o acordo trata de seguir impulsando actuacións contra a violencia de xénero no ámbito local dunha forma coordinada.

 

Ao longo de 2017 10 novos concellos e 3 mancomunidades adheríronse a esta rede municipal de rexeito á violencia de xénero e, en total ata agora son 178 as Entidades Locais adheridas a esta rede: 67 na provincia da Coruña; 35 en Lugo; 35 en Ourense; e 41 en Pontevedra.

 

Durante o acto de sinatura aproveitouse para presentar as novas actividades que se levarán a cabo durante 2018 ás que poden acceder de forma gratuíta as entidades adheridas a esta rede. As actividades foron pensadas para motivar na loita contra a violencia de xénero en diversos colectivos, incluíndo este ano ao público máis novo, para educar na sensibilización respecto da violencia xa que é un colectivo especialmente vulnerable. Neste punto o presidente da Fegamp, Alfredo García destacou “a importancia de dirixirse a este colectivo pola súa vulnerabilidade” e tamén amosou a súa preocupación “porque as accións para motivar en contra da violencia de xénero que se viñeron realizando no plano educativo dende hai anos non conseguiron prender nos nenos e nenas que as recibiron polo que haberá que seguir realizando accións pero pensando en cambiar algo para lograr o calado deste rexeito á violencia de xénero”

Entre as actividades están os obradoiros educativos que se centra en fomentar a prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital, tamén un espectáculo lúdico musical e pedagóxico que analiza os roles de xénero que trasmiten as cancións de temática amorosa, dúas exposicións gráficas ou un curso de defensa persoal e autocapacidades en colaboración coa Federación Galega de Loita. Estas son as actividades propostas pola Secretaría da Igualdade e ás que accederán en 2018 máis de 120 entidades.

 

No acto tamén se deixou constancia do apoio por parte de ambas entidades ás Mesas Locais de Coordinación (MCL),un instrumento operativo na que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, como forma de acadar maior capacidade de resposta e prontitude na axuda as vítimas. Para isto, dende 2015 se conta cunha Guía Práctica para a constitución das mesas nos concellos galegos á que se pode acceder na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.Neste ano constituíronse 8 mesas locais máis en Cuntis, A Lama, Mancomunidade de Santa Águeda, Lousame, Santiago de Compostela, Tomiño, Mondoñedo e Chantada.