Data:

A Federación Galega de Municipios e Provincias vai asinar un convenio coa Xunta de Galicia para mellorar a situación e atallar as posibles deficiencias dos “puntos limpos” existentes nos municipios galegos e adaptalos ao marco normativo actual. Así o acordaron o presidente da Fegamp, Alfredo García e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na xuntanza de traballo que mantiveron hoxe nas instalacións do goberno galego en San Lázaro.
O obxectivo do convenio será acondicionar as instalacións daqueles puntos limpos que presenten carencias e lograr que o seu funcionamento sexa o máis eficaz posible. A proposta recolle que sexan os técnicos da Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio os que se encarguen de elaborar os informes e as posibles obras a acometer, ademais das pautas de execución.
Pacto da Auga, urbanismo e traballo en rede
Nesta primeira reunión oficial entre a nova executiva da Fegamp e a Consellería de Medio Ambiente, abordáronse outras demandas actuais dos entes locais, como a necesidade de trasladar aos concellos a información de axudas e proxectos medio ambientais e urbanísticos que sexan susceptibles de interese.
Segundo explicou Alfredo García “Moitas veces os municipios, sobre todo os pequenos, chegan tarde para recibir fondos por non seren informados ao respecto. O traballo en rede evitaría situacións como a da perda de subvencións europeas das Axencias Urbanas: en España, a falta de información do goberno central aos concellos deixou fóra aos de menos de 20.000 habitantes, mentres en Portugal se baixou o ratio a 5.000.”.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio tamén se comprometeu coa Fegamp a reactivar o Pacto da Auga, marcando un calendario de reunións técnicas para favorecer a xestión do abastecemento na comunidade. En canto á nova Lei do Solo, abordáronse os obxectivos e retos do novo texto, coa intención de realizar xornadas informativas para técnicos municipais e concelleiros de Urbanismo.