FEGAMP e USC abordan nun novo informe a necesidade de importantes cambios no financiamento local estatal como autonómico

Data: 

mércores, 4 Marzo, 2026 (Todo o día)

Video resumo do Encontro 

En declaracións aos medios, o presidente da FEGAMP avogou por reformar un sistema de financiamento na participación nos ingresos do Estado que leva máis de 20 anos, con desequilibrios que é necesario corrixir” e por actualizar a contía global e adaptar o Fodo de Cooperación Local da Xunta ás competencias que se están asignando aos concellos.

O reitor da USC indicou que o informe da resposta aos requirimentos do sector local do coñecemento universitario na defensa dos seus intereses e na súa demanda de reforzar e poñer ao día o sistema de financiamento das administracións locais.

Santiago Lago fixo fincapé na necesidade de que os municipios galegos reciban máis recursos por habitante do fondo estatal que os que reciben concellos de comunidades máis desenvolvidas.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2026.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantiveron un encontro de presentación do informe “A reforma necesaria do financiamento local” no que ambas institucións colaboraron na súa realización durante este ano. No encontro participaron sendas delegacións encabezadas polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e polo reitor da USC, Antonio López.

Antes de comezar o encontro, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela; o reitor da USC, Antonio López, e o catedrático de Economía Aplicada pola USC, Santiago Lago, atenderon aos medios, para destacar as principais conclusións do informe.

O presidente da FEGAMP agradeceu ao reitor da USC e a Santiago Lago, como un dos coordinadores do informe, a colaboración mantida e o traballo realizado, salientando que “é un informe dunha calidade altísima e que vai ser de moita axuda na defensa dos intereses dos concellos galegos”, e “a necesidade de reformar un sistema de financiamento na participación nos ingresos do Estado que leva máis de 20 anos, con desequilibrios que é necesario corrixir”.

Para Alberto Varela “os concellos de agora non temos absolutamente nada que ver cos concellos de hai 20 anos, hai problemas diferentes e hai competencias diferentes”, sendo necesario establecer uns novos criterios e unha contía global na participación nos ingresos do Estado e “abrir ese melón que leva 20 anos e que é necesario abordalo”.

“No se entendería que se estea falando do financiamento autonómico, que estea tanto no debate público e que non se aborde o financiamento municipal” destacou Varela, quen tamén engadiu que “niso tamén xogan un papel moi importante as comunidades autónomas”, e a participación dos concellos nos seus ingresos, que en Galicia se conforma dende o Fondo de Cooperación Local. “Tamén é necesario actualizalo, non soamente a contía global, senón tamén que se adapte ás competencias que se nos están asignando por leis sectoriais, ben sexa por asignación de competencias, ben sexa por delegación”.

Para o presidente da FEGAMP “é necesario que os concellos reciban máis fondos, tal e como establece a Constitución, para que poidamos desempeñar as competencias que os concellos estamos desenvolvendo”, e detívose en destacar que “o informe tamén fala de gobernanza, da necesidade de que os concellos sexamos partícipes na toma de decisión do que nos vaia tocar a xestionar”, poñendo como por exemplo o acontecido co procedemento da futura nova Lei de Administración Local de Galicia, que está a rematar o prazo de alegacións, no que “sería máis acertado se houbésemos sido partícipes dende o principio” afirmou Alberto Varela .

O presidente fixo un repaso rápido dos principais temas traballados no informe, como da necesidade de abordar as normas de estabilidade dos concellos, da regra de gasto, e “da posibilidade de utilización dos remanentes incluso para gasto corrente, para atender as necesidades que temos para dar un bo servizo público”. Tamén do SAF, do que e coñecida á reivindicación da FEGAMP de que o seu financiamento sexa cuberto ao 100% por Estado e Xunta de Galicia, da xestión da auga e dos residuos, na que houbo cambios e hai moitos concellos que teñen dificultades para poder afrontalo, sendo necesaria unha maior coordinación entre todas as administracións.

Alberto Varela proseguiu ese repaso falando de como aborda o informe a taxa turística e o equilibrio necesario para poder dar un bo servizo dende os concellos máis turísticos, participando dos ingresos que o turismo achega, e rematou destacando que “as propostas do informe referendan a posición que ven marcando a FEGAMP nos últimos 20 anos”.

Pola súa banda, o reitor da USC amosou a súa satisfacción e agradecemento por poder “dar resposta aos requirimentos do sector local do coñecemento universitario na defensa dos seus intereses e na súa demanda de reforzar e poñer ao día o sistema de financiamento das administracións locais”.

Antonio López destacou o labor de Xoaquín Fernandez Leiceaga e de Santiago Lago, e de todas as persoas expertas da USC, da Universidade de Vigo e da Universidad de Oviedo, especialistas en financiamento local, que teñen participado no informe.

López rematou salientando que o informe “é un traballo absolutamente rigoroso no análise da situación e nas propostas de cara o futuro, pensando en Galicia pero con proxección máis ala, feito por especialistas da máxima competencia na materia.

A quenda de declaracións rematou coa intervención de Santiago Lago, que tivo funcións de coordinación no informe, e que explicou que o informe pon o acento no sistema de transferencias e, tras sinalar que Xunta e FEGAMP deben fixar unha posición informada nestes debates, sostivo que hai que redefinir as pautas de redistribución.

Lago afirmou que "Igual que cando falamos de financiamento autonómico hai moita nivelación, é dicir, a Xunta ten máis recursos por habitante que a Generalitat de Cataluña, no caso dos concellos non é así, tendo en conta que un consistorio catalán ten máis recursos por habitante que un concello galego da media".

O catedrático fixo fincapé na necesidade de que os municipios galegos reciban máis recursos por habitante do fondo estatal que os que reciben concellos de comunidades con máis recursos, incorporando no novo sistema esa nivelación, xa que "parece que é o momento de revitalizar, dotando de máis recursos, revisando os criterios de repartición, entre outras cousas, para, combinando coas transferencias do Estado acabar con pautas distributivas que son as que nos interesan", indicou Lago.

Na opinión do catedrático, o turismo leva "un problema de fondo, que non repercute nas arcas locais" porque non hai figuras no sistema local que recoñezan o seu efecto máis aló de taxas polas terrazas. Por iso, puxo en valor a taxa turística creada a nivel autonómico. Lago indicou que hai "varios camiños posibles" para avanzar nesa liña, como que a Xunta recade e reparta vía transferencias unha parte do impacto positivo que ten o turismo nas contas autonómicas, que se nota no IPRF e no IVE pero "que non chega ás arcas locais", polo que sería unha solución deseñar “un sistema de transferencias dese imposto xestionado e aplicado no conxunto o país”

O catedrático rematou explicando que o documento tamén aborda a xestión dos residuos e da auga tendo en conta a nova realidade e achegando  "posibles solucións financeiras e mecanismos para que os concellos teñan a capacidade de financiar acorde ás súas competencias".

Como peche do encontro, e sendo a súa primeira visita á sede da FEGAMP, o reitor da USC asinou no Libro de Honra da entidade municipalista.

ENCONTRO FEGAMP USC DE PRESENTACIÓN DO INFORME "A REFORMA NECESARIA DO FINANCIAMENTO LOCAL"