FEGAMP e os trece concellos con UAD valorarán nestes días a proposta de integración no SERGAS recibida hoxe na reunión coa Consellería de Sanidade

Data: 

xoves, 9 Outubro, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025.- Unha delegación da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), encabezada pola secretaria xeral, Patricia Vilán, asistiu hoxe á reunión da comisión mixta constituída pola Consellería de Sanidade e a FEGAMP para a integración das unidades asistenciais de drogodependencias (UAD) de titularidade municipal no Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Na reunión recibiuse da Consellería a proposta de criterios para a integración elaborada a partires dos informes definitivos das dúas ponencias técnicas especializadas, de persoal e de inmobles, que relacionan e analizan os medios humanos e materiais a integrar no SERGAS.

Coa proposta da Consellería recibida hoxe na reunión e sen tempo para poder valorala, a FEGAMP solicitou aos representantes da Consellería que a proposta estivera redactada como borrador de decreto, para avaliala cos trece concellos con UAD, e que estes, finalmente e se todo está correcto, poidan aprobar a integración da súa UAD no SERGAS nos seus respectivos plenos antes do 14 de novembro, e así poder axustar o proceso de integración aos prazos necesarios para que esta sexa efectiva a 1 de xaneiro de 2026.

A seguinte reunión da comisión se celebrará o vindeiro 19 de novembro para adoptar o acordo definitivo de integración.