A FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais presentan en Ribeira de Piquín un proxecto contra o despoboamento no medio rural

Data: 

xoves, 13 Abril, 2023 (Todo o día)

 

Ribeira de Piquín, 13 de abril de 2023.- O vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, presentou hoxe, xunto co GDR Montes e Vales Orientais o “Proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente” financiado pola Dirección Xeral de Políticas Contra o Despoboamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España.

O proxecto desenvólvese nun territorio duns 2.500 km cadrados e só 22.000 habitantes, con baixos índices demográficos e un alto nivel de avellentamento da poboación. Territorios coma este precisan axuda externa a través de políticas de Estado que loiten contra o despoboamento e, as entidades que presentaron hoxe este proxecto, agardan que sexa o xerme dunha estratexia para o cambio de tendencia.

A decisión da Fegamp de converterse nun activo na captación de recursos económicos ten como obxectivo axudar aos concellos, sobre todo aos rurais (uns 260 en Galicia), e para cumprir dito obxectivo apostan por traballar sobre o terreo coordinados cos GDR. A Federación que engloba todas as entidades locais insiste en reclamar o papel dos concellos no deseño de políticas públicas de impulso demográfico que consideren criterios de dispersión e envellecemento da poboación no reparto de fondos entre as Entidades Locais. Como xestores públicos existe a obriga de facer fronte ao gran reto que é o reto demográfico e a outro non menor de coordinación das administracións e dos territorios para que as aprendizaxes derivadas deste proxecto piloto sexan útiles e replicables noutras zonas de Galicia.

Todas as entidades e administracións intervintes no acto de hoxe coincidiron en que este territorio é un reflexo da situación da provincia de Lugo que ten como principal problema o despoboamento. Apostaron polo traballo conxunto e por proxectos coma este para fixar poboación e crear emprego.