A FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais presentan en Navia de Suarna (Lugo) o proxecto “RETTURN: Rede de experiencias turísticas baseadas na tradición rural, Programa Experiencias Turismo España 2021"

Data: 

venres, 28 Abril, 2023 (Todo o día)

Navia de Suarna, 28 de abril de 2023.- O vicepresidente primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, presentou hoxe, xunto co GDR Montes e Vales Orientais, e outras entidades como a Deputación de Lugo, a Axencia de Turismo de Galicia e o propio concello de Navia de Suarna, o “Proxecto RETTURN: Rede de experiencias turísticas baseadas na tradición rural”, dentro do Programa Experiencias Turismo España 2021, financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU-Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.

O proxecto fora acadado no seu día pola Fegamp xunto con outras cinco federacións territoriais de municipios e provincias españolas, de Andalucía, Aragón, Valencia, Estremadura e Canarias. Todas elas co obxectivo xeral de impulsar proxectos de redes de actores que desenvolvan experiencias turísticas sostibles, dixitais, integradoras e competitivas en España en municipios rurais de menos de 5.000 habitantes.

A decisión da Fegamp de converterse nun activo na captación de recursos económicos ten como obxectivo axudar aos 201 concellos rurais de menos de 5.000 habitantes e, para cumprir dito obxectivo, aposta por traballar sobre o terreo coordinada cos GDR. Neste proxecto, co GDR Montes e Vales Orientais, garantindo impactos positivos das experiencias turísticas nas comunidades locais rurais e desenvolvendo medidas específicas relativas á recuperación dos teitos das pallozas, o patrimonio popular apícola nos dominios do oso pardo ou a gandaría de montaña, transhumancia e uso da auga. Con estas medidas, a federación colabora ao fortalecemento da oferta turística rural que atraia a novos visitantes interesados no patrimonio natural e cultural dos concellos rurais.

Na mañá de hoxe, desenvolvéronse dúas mesas de traballo, unha específica sobre o dito proxecto e outra de presentación do Xeodestino Ancares Terras do Burón, xestionado polo GDR Montes e Vales Orientais e que ten acadado a honra de ser o primeiro da provincia de Lugo e o segundo de Galicia que se incorpora á Asociación Ecoturimo en España (AEE).