A Fegamp e o COPG aposta por unha campaña en positivo para o 25N

Data: 

mércores, 21 Novembro, 2018 - 11:45
presentación Campaña Polo Bo Trato 2018 Alfredo García e María Rosa Álvarez

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), xunto co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), presentou o cartel/ilustración para a campaña “Polo bo trato”, con motivo do 25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller. Con esta campaña preténdese que as Entidades Locais galegas se amosen libres de violencias e fagan propio o decálogo de boas prácticas en igualdade que acompaña ao cartel.

O acto foi presentado polo presidente da Fegamp, Alfredo García, e pola decana do COPG, María Rosa Álvarez. O presidente dos alcaldes explicou que “nesta campaña os concellos implicámonos para, entre todos, acabar con esta lacra que é a violencia machista”; pola súa banda, a decana definía que a campaña é “en positivo como exemplo de como construír unha sociedade máis xusta, máis igualitaria”. Ambos destacaron a importancia de repetir a mesma campaña un ano máis (iniciouse en 2016) xa que “tivo pegada no ámbito municipal e queremos seguir avanzando nesta liña”, destacaba García; tamén puxeron en valor o feito de que fose un cartel que chamase a atención “xa que será posto nos lugares máis visibles dos concellos para facer pensar ás persoas que o len e así podan interiorizar os valores que expoñemos no cartel” matizaba María Rosa Álvarez.

A ilustración, deseñada por Laura Gómez, recolle un decálogo creado polos/as profesionais do COPG que resume as boas prácticas para seguir o camiño cara a igualdade e rexeitar todo tipo de actos sexistas no día a día do ámbito municipal. Os concellos comprométense a través desta campaña á prevención das actitudes violentas e ao fomento de valores de igualdade nas actividades dirixidas a menores; tamén se comprometen a eliminar o sexismo da linguaxe ou da publicidade que realiza o municipio, e a ruptura cos roles de xénero tradicionais, fomentando a ética no coidado tanto de menores como de persoas dependentes. A campaña poderá ser empregada por todos os concellos de Galicia, que poderán personalizar co nome do seu concello a campaña; o material inclúe tamén unha cabeceira para as redes sociais Twitter e Facebook.