A Fegamp e o Consello de Contas colaboran na prevención da corrupción no sector público

Data: 

mércores, 13 Marzo, 2019 - 13:30
Alfredo García e José Antonio Redondo no acto de sinatura do protocolo anticorrupción Fegamp e Consello de Contas

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019.- O presidente da Fegamp, Alfredo García, e o conselleiro maior, José Antonio Redondo, asinaron un protocolo de colaboración para a prevención da corrupción no ámbito da administración local de Galicia, na sede do Consello de Contas de Galicia.

O principal obxecto do convenio é evitar a corrupción e achegar políticas de transparencia aos concellos.  A colaboración pasa tamén polo compromiso na propagación do comportamento ético así como na difusión de conceptos esenciais en materia de transparencia. A creación de plans de prevención e de xestión de riscos xunto coa formación do persoal laboral municipal son parte tamén dos compromisos das partes asinantes.

O presidente da Fegamp valorou positivamente a colaboración entre institucións en materia de prevención: “máis que ser unha norma sen máis, este protocolo ten a vontade de facer un libro-guía que lle permita aos concellos saber exactamente que pasos teñen que dar os/as traballadores públicos para que cando fagan calquera tipo de contrato, os controis se sigan con rigor”, explicaba.  Neste sentido desde a Fegamp o presidente asegurou que van poñer en marcha un grupo de traballo coas deputacións para traballar nesta materia: “queremos xuntarnos coas deputación para, entre as dúas administracións, crear ese documento que sexa a folla de ruta para ir mellorando paso a paso en materia de prevención de riscos de corrupción”, asegurou o presidente.

Alfredo García advertiu tamén sobre o emprego de normas neste senso con sentido común que permitan facer unha Administración máis transparente pero que non colapsen o traballo diario nin aporten perdas para os territorios: ”podemos por exemplo falar dos contratos menores, xa que si para o un contrato de 100 euros temos que facer un procedemento, pois evidentemente estamos colapsando a Administración; e os concellos pequenos non temos capacidade humana e mínimo suporía unha persoa por concello para facer todo ese traballo” explicou García.

O presidente da Fegamp, tamén alertou de problemas coa operatividade e o dano ao comercio local aludindo ao “sentidiño” á hora de resolver os problemas do día a día municipal.