Data:

O acordo permitirá desenvolver actividades culturais e formativas, publicacións, investigacións e iniciativas de divulgación de interese común.
A colaboración inclúe ámbitos como a historia, a lingua, a literatura e as ciencias sociais, e busca achegar o coñecemento e a cultura á sociedade galega.
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o Consello da Cultura Galega (CCG) veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a promoción e difusión da cultura galega e desenvolver actividades de interese común que contribúan a achegar o coñecemento cultural á sociedade.
O acordo foi asinado polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e establece un marco de cooperación entre ambas as institucións para promover iniciativas culturais, formativas e de investigación.
O convenio parte do interese compartido das dúas entidades na promoción e difusión do coñecemento e da cultura, e da vontade de establecer liñas de colaboración que permitan aproveitar as capacidades e os recursos de ambas as institucións.
Entre as actuacións previstas figura o estudo de investigación “Cultura no territorio: o ecosistema cultural municipal en cifras”, que permitirá obter unha radiografía da realidade cultural dos 313 concellos galegos
O convenio tamén prevé a programación conxunta de actividades culturais e formativas nas áreas de historia, lingua, literatura e ciencias sociais, así como a organización de cursos, publicacións, conferencias, concertos e coloquios.
O acordo contempla tamén o intercambio de publicacións e materiais didácticos, a colaboración en proxectos culturais de interese común, a elaboración e distribución de materiais divulgativos e formativos e a realización de traballos de investigación.
A colaboración poderá estenderse, ademais, a outras institucións, co obxectivo de desenvolver actividades conxuntas e favorecer a captación de recursos para iniciativas culturais compartidas.
O convenio establece que cada programa concreto de colaboración deberá contar cun proxecto específico no que se definan os obxectivos, o plan de traballo, as fases de desenvolvemento, o orzamento, as persoas participantes e os demais aspectos necesarios para a súa execución.
Para coordinar e avaliar as actuacións, ambas as institucións crearán unha comisión de seguimento integrada por dous representantes de cada entidade, que se encargará de realizar a coordinación das actividades programadas e velar polo cumprimento do convenio.
O acordo terá unha vixencia inicial dun ano desde a súa sinatura, con posibilidade de renovación por períodos anuais sucesivos ata un máximo de tres prórrogas.
Con esta iniciativa, a FEGAMP e o Consello da Cultura Galega reforzan a súa colaboración institucional e establecen unha base para desenvolver novas actuacións conxuntas que contribúan á promoción, difusión e coñecemento da cultura galega, favorecendo a súa presenza no ámbito local e o acceso da cidadanía ás actividades culturais.






Sede Electrónica


